Pasar al contenido principal

Un curso sobre usos e tradicións das plantas medicinais no Courel precede o comezo das clases do IV Ciclo Universitario en Lugo

Asisentes ao curso impartido por Moure Oteyza na Escola Politécnica Superior de Lugo
Asisentes ao curso impartido por Moure Oteyza na Escola Politécnica Superior de Lugo
A USC mantén aberta ata o 30 de setembro a matrícula neste programa de formación de maiores, que ofrece 30 materias diferentes no campus de Lugo para o curso 2015-16

O curso ‘Estudo etnomedicinal da Serra do Courel: Sabedoría e tradición’, impartido pola licenciada en Farmacia pola USC e autora dunha tese de doutoramento sobre a utilización tradicional das plantas medicinais na Serra do Courel, María Moure Oteyza, serve de preludio do comezo das actividades formativas programadas no marco do IV Ciclo Universitario da USC en Lugo para o curso 2015-2016, cuxas sesións lectivas empezarán a desenvolverse nos distintos centros da sede universitaria luguesa a partir do 1 de outubro.

Esta actividade formativa sobre tradicións e usos das plantas medicinais no Courel reúne a 15 participantes na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e que terá continuidade este sábado 19 de setembro cunha saída de campo á serra courelá, segundo indicou o coordinador do IV Ciclo Universitario da USC no campus lugués, o profesor Emilio Carral Vilariño, quen tamén adiantou algunha das novidades que presenta o programa formativo, dirixido a persoas maiores de 50 anos de cara ao próximo curso académico. Novas materias programadas Carral Vilariño sinalou neste senso que a oferta de materias permanece estable respecto de anos anteriores, con 20 materias obrigatorias e dez de carácter optativo. Aínda así, subliñou a oferta de materias de nova oferta, tales como Introdución a agroecoloxía dos pequenos hortos, Estrutura e Política económica, Agricultura a pequena escala: presente e futuro ou Educación Ambiental e cultura da sustentabilidade. O coordinador do programa de IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo sinalou asemade que o prazo de matrícula nesta oferta formativa de carácter divulgativo permanecerá aberta ata finais de setembro, polo que as persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición ata o día 30 nas dependencias da Unidade de Xestión Académica do campus de Lugo, sitas no edificio que acubilla a Biblioteca Intercentros. A información relativa a horarios e distribución dos programas das distintas materias ofertadas ao abeiro do IV Ciclo Universitario para o curso 2015-2016 está accesible na páxina web da USC, onde tamén se poden consultar datos relativos aos procedementos de matrícula. Respecto do número de persoas que optan por completar ou cursar algún dos itinerarios formativos ofertados pola USC a través do IV Ciclo Universitario, Carral Vilariño cifrou en arredor de 150 os usuarios/as contabilizados nos últimos anos no campus de Lugo neste programa de formación de maiores, unha cifra semellante á de Compostela, dixo. Ademais, adiantou que a USC celebrará un acto de benvida a alumnado do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo o 29 de setembro na Facultade de Formación do Profesorado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.09.2015.