Pasar al contenido principal

Profesionais de dezaseis países participan en Bioloxía nun curso avanzados sobre xestión da seguridade de moluscos bivalvos

A xornada inaugural presidiuna a vicerreitora Isabel Rodríguez-Moldes
A xornada inaugural presidiuna a vicerreitora Isabel Rodríguez-Moldes

Bioloxía acollerá ata o próximo venres 25 un curso avanzado sobre xestión da seguridade de moluscos bivalvos no que participan profesionais da industria dos produtos do mar, administracións públicas, responsables de inspección de produtos marítimos e xestores da calidade e seguridade alimentaria procedentes de dezaseis países como Marrocos, Alxeria, Mauritania, Madagascar, Sri Lanka, Albania ou Turquía, entre outros. Este curso está organizado conxuntamente polo Centro Internacional de Altos Estudos Agronómicos Mediterráneos (CIHEAM), a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e Alimentación (FAO) e a USC a través do grupo de investigación de patoloxía en acuicultura. O obxectivo é proporcionar aos asistentes coñecementos tanto teóricos como prácticos da man de relatores de proxección internacional especializados na xestión da seguridade en moluscos. Deste xeito, atenderase a cuestións concretas como os perigos asociados con bacterias, virus e biotoxinas; aspectos ambientais relacionados coa supervivencia e multiplicación de patóxenos; proliferación de algas nocivas; metodoloxías de detección e seguimento de patóxenos e biotoxinas; avaliación de riscos e aspectos de manexo. Entre as actividades a desenvolver, ademais das sesións en aula, tamén está prevista unha visita guiada a unha zona de produción de moluscos bivalvos, plantas de depuración e ao centro oficial de vixilancia en Galicia (INTECMAR), para ilustrar os procedementos usuais relacionados coa calidade e seguridade e, así, comprender os procesos aplicados no control e a xestión das zonas de produción de moluscos bivalvos. A vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, presidiu este luns a sesión inaugural do encontro na Aula Magna da Facultade de Bioloxía, nun acto no que a acompañaron o decano do centro Antonio Segura; o representante da FAO Jogeir Toppe; o representante do CIHEAM Bernardo Basurco e o profesor Jesús L. Romalde do comité organizador local.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2015.