Pasar al contenido principal

O Premio Cristóbal de la Puerta distingue un estudo da Facultade de Veterinaria sobre anomalías esqueléticas do linguado

De Azevedo Gomes, a primeira á dereita, con outros investigadores participantes no traballo premiado
De Azevedo Gomes, a primeira á dereita, con outros investigadores participantes no traballo premiado
A investigación de Ana Manuela de Azevedo, doutoranda no Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC, acadou un accésit na última edición deste galardón

O Premio Cristóbal de la Puerta para o desenvolvemento do sector gandeiro, un galardón creado en 2001 por Editorial Agrícola Española co obxecto de difundir traballos prácticos de interese sobre unha tema concreto relacionado coa gandería, distingue na súa décimo quinta edición unha investigación sobre anomalías esqueléticas no linguado desenvolvida na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo pola doutoranda do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias Ana Manuela de Azevedo Gomes en colaboración con outros investigadores e persoal de apoio do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias USC, do que é directora a profesora María Isabel Quiroga.

O traballo presentado pola Facultade de Veterinaria e galardoado no XV Premio Cristóbal de la Puerta, un certame a través do que Editorial Agrícola Española fai un recoñecemento público das investigacións, desenvolvementos e tecnoloxías que repercutan na mellora do sector gandeiro, leva por título ‘Novos avances na monitorización das anomalías esqueléticas no linguado de cultivo’. De Azevedo Gomes foi a encargada de recoller o galardón no marco da xornada ‘Cadeas de valor compartido nun mercado global, celebrada na sede do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Os autores desta investigación da USC, na que ademais desta doutoranda tamén participan A.P. Losada, Andrés Barreiro, J. D. Barreiro, S. Vázquez e María Isabel Quiroga, proban a existencia de importantes anomalías esqueléticas nos linguados que permanecen desapercibidas logo dunha primeira avaliación esquelética macroscópica. Daquela, a radiografía constitúe unha valiosa ferramenta para a detección deste tipo de alteracións da columna vertebral en xuvenís, un recurso tamén aplicable á monitorización industrial das anomalías esqueléticas en lotes de xuvenís de linguado senegalés. A tecnoloxía aplicada neste estudo é perfectamente aplicable a outras especies de peixes planos, segundo indican os investigadores da USC implicados neste traballo, a través do que lograron optimizar o radiodiagnóstico para o linguado senegalés (Solea senegalensis). Este avance constitúe ademais un primeiro paso para reducir a incidencia de anomalías vertebrais nesta especie e mellorar así a calidade do produto, un proceso que se antolla longo e laborioso, na opinión dos investigadores do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2015.