Pasar al contenido principal

Un simposio abordará en Medicina os retos e barreiras que atopan as persoas con autismo no acceso á atención sanitaria

É unha iniciativa que organiza a Unidade de Pacientes con Necesidades Especiais da USC para profesionais e estudantado do ámbito sociosanitario así como para proxenitores, educadores e a todas...

Un simposio de carácter interdisciplinar abordará na Facultade de Medicina os retos que no ámbito da atención sanitaria atopan as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Coa presenza de destacados expertos/as, o simposio prestará atención a moitas das barreiras que atopa este colectivo no ámbito sanitario, dende a diagnose, a formación dos profesionais ou a accesibilidade aos centros, entre outras cuestións. Esta é unha actividade organizada pola Unidade de Pacientes con Necesidades Especiais da USC, que dirixe o catedrático de Odontoloxía Pedro Diz Dios, coa participación da Asociación de Padres de Personas con Trastorno del Espectro Autista (ASPANAES) e que está dirixida a profesionais e estudantado do ámbito sociosanitario así como a proxenitores, educadores e a todas aquelas persoas que conviven con persoas con TEA.

O encontro desenvolverase o sábado 23 de xaneiro no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía ao longo dunha xornada na que tamén se presentará unha película documental que relata os contidos e evolución dun programa de sensibilización de persoas con TEA que necesitan acudir ao dentista, iniciativa desenvolvida pola Unidade de Pacientes Especiais en colaboración con ASPANAES durante os últimos tres anos.

Programa
O programa do simposio comezará cunha análise sobre que son os TEA, a cargo da profesora de Psiquiatría Ángela Torres Iglesias, a quen seguirá o catedrático Ángel Carracedo para explicar as bases xenéticas deste trastorno. O doutor Jesús Eirís Puñal falará sobre os trastornos neurolóxicos asociados ao TEA. Para completar a sesión matinal, estrearase o documental ‘Dentisteando. O dereito á saúde oral’.

Pola tarde, o simposio celebrará unha mesa redonda que aborda diferentes facetas da atención sanitaria a persoas con trastorno do espectro autista, coa participación do médico de familia Manuel A. Ramos Rodríguez; a psicóloga, Emma Cuesta Fernández; un representantes da administración sanitaria; Esperanza Acín Villa, nai dunha persoa con TEA; e o profesor Jacobo Limeres Posse, en representación dos profesionais da Odontoloxía. A xornada completarase coa relatorio de Ana Martínez Díez, de ASPANAES, titulado ‘Comprendendo o autismo: necesidade de apoio na atención sanitaria’; e a presentación do programa de atención médica integral para persoas con TEA do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, a cargo de Leticia Boada Muñoz.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.12.2015.