Pasar al contenido principal

Investigadores de Prehistoria e Arqueoloxía desenvolven unha nova metodoloxía para estudar inscricións e gravados en 3D

Detalle do resultado obtido con AsTrend
Detalle do resultado obtido con AsTrend

Investigadores da área de Prehistoria e Arqueoloxía da USC desenvolveron AsTrend, unha nova metodoloxía de posprocesado informático realizada sobre software libre e cunha cámara fotográfica para a reconstrución en 3D de petróglifos, inscricións ou gravados megalíticos. Na actualidade está sendo testada en petróglifos de Campo Lameiro así como en inscricións do Museo do Pobo Galego. Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez son os responsables deste desenvolvemento que axudará a obter “un rexistro máis exacto dos gravados”.

O proceso, explican os investigadores, parte do traballo cun escáner 3D ou cunha metodoloxía de baixo custe denominada fotogrametría de obxecto cercano e “baséase na creación dun modelo tridimensional a partir de series de fotografías que se poden tomar con cámaras convencionais” . O que diferenza o proceso desenvolvido polos investigadores da USC de traballos previos similares “é unha mellora no posprocesado, resaltar as concavidades e convexidades do modelo 3D para ler mellor os seus gravados”. Como explica Miguel Carrero “ata agora existían achegas que, de diferente forma, xogaban con sombras artificiais para poder ver mellor os motivos”, se ben a nova proposta “ utiliza as visualizacións típicas da tecnoloxía LiDAR para exaltar detalles”. O resultado é “un rexistro dos gravados moito máis exacto”, aínda que advirten “non debe ser visto como unha superación do calco tradicional, senón como un complemento”.

A proposta deste equipo atópase en vías de publicación e será presentado no Computer Applications and Quantitative Methods in Archeology, en 2016 en Oslo, o principal congreso internacional sobre novas tecnoloxías aplicadas á Arqueoloxía, no que os investigadores da USC agardan unha boa acollida.

Antecedentes
AsTrend forma parte do proxecto de investigación ‘Documentación fotográfica dos motivos de cérvidos de Campo Lameiro: prospección arqueolóxica superficial’ que dirixe o profesor de Prehistoria e Arqueoloxía Antón A. Rodríguez Casal, coa colaboración do catedrático da mesma área Ramón Fábregas Valcarce. Esta liña continua os traballos iniciados nos anos 90 polos profesores Antón A. Rodríguez Casal e Lorenzo Gómez González, este último da Facultade de Física, sobre técnicas de reconstrución fotogramétrica aplicadas ao estudo de petróglifos.

O actual equipo de investigadores está comparando os resultados da metodoloxía cos métodos tradicionais de rexistro, principalmente en petróglifos, liña de investigación con gran tradición no equipo do profesor Ramón Fábregas.

De esquerda a dereita, Antón Rodríguez, Miguel Carrero, Alia Vázquez, Benito Vilas e Ramón Fábregas Valcarce

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.12.2015.