Pasar al contenido principal

Filosofía abre as súas portas ao simposio ‘Estudos literarios e campo cultural galego’

O simposio ‘Estudos literarios e Campo Cultural Galego’ celébrase este mércores 2 e o xoves 3 na Facultade de Filosofía da USC coa presenza de recoñecidos especialistas internacionais como Rakefet Sela-Sheffy e Itamar Even-Zohar, da Universidade de Tel Aviv. A organización do encontro é responsabilidade dun grupo de profesoras e profesores das tres universidades galegas —Arturo Casas, Manuel Forcadela, Teresa López, Laurence Malingret e Elías Torres— xunto con Alex Alonso, da City University of New York. Explican os seus promotores que a idea de partida é conmemorar o xa superado cuarto de século de publicación “dun libro decisivo no rumbo posterior da teoría e a crítica literarias en Galiza”, Diglosia e texto (1988) e “facer público o recoñecemento ao seu autor Antón Figueroa (Chantada, 1943)”. Xubilado en 2013 como catedrático de Filoloxía Francesa da Universidade de Santiago de Compostela, Antón Figueroa deixa ata o momento como froito principal do seu traballo unha serie de libros sobre distintos aspectos da socioloxía da literatura. Entre estes, o estudo sociocultural da lectura, a análise histórica das relacións interliterarias e da tradución, a constitución e funcionamento dos campos culturais, as relacións entre ideoloxía e produción artístico-literaria e a emerxencia no século XX dun específico campo literario galego. O profesor Figueroa vinculouse na última fase da súa actividade universitaria ao proxecto europeo ESSE, Pour un espace des sciences sociales européen, no que canda el tomaron parte significadas teóricas e sociólogas influídas pola metodoloxía de Pierre Bourdieu. O Simposio, engaden os seus responsables, configúrase así como un foro académico de debate arredor dos estudos literarios galegos a partir do pensamento de Antón Figueroa. Entre os obxectos centrais de observación e análise figuran a (re)conceptualización do campo/sistema literario nas literaturas periféricas; os vínculos entre nación, ficción e ideoloxía; as lecturas da identidade e da alteridade; a tradución e o espazo cultural transnacional; a autonomía do campo e dos axentes culturais, con aplicación principal ao caso galego na etapa 1950-2015; a metodoloxía da historia do campo literario; e, en fin, os estudos da cultura e as Ciencias Sociais, ademais, por suposto, do propio legado teórico e metodolóxico do profesor Antón Figueroa. Durante o Simposio terá lugar a presentación dun novo libro do autor Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural, publicado por Laiovento.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.09.2015.