Pasar al contenido principal

A Biblioteca Intercentros súmase ao Día das Montañas cun centro de interese que agroma obras escritas e audiovisuais

Julia Cantalapiedra e Roxelio Pérez Moreira abren o centro interese sobre a montaña na Intercentros
Julia Cantalapiedra e Roxelio Pérez Moreira abren o centro interese sobre a montaña na Intercentros
O profesor Roxelio Pérez Moreira salienta a singularidade das montañas e cualifica de “achado vivencial e emocional” o seu descubrimento cultural no século XVIII

A Biblioteca Intercentros do campus de Lugo da USC súmase á celebración do Día internacional das Montañas coa apertura dun centro de interese sobre esta temática, no que se inclúen libros, artigos, películas..., que permiten aos/ás usuarios/as achegarse á realidade das montañas desde distintas perspectivas, tales como o son a literatura, xeoloxía, paisaxe, gandería, agricultura...

O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC ne Escola Politécnica Superior Roxelio Pérez Moreira salientou as singularidades que encerran as montañas, ao tempo que cualificou de “achado vivencial e emocional” o seu tardío descubrimento cultural no século XVIII. A partir do seu achado por parte da cultura, as montañas, ademais de conservar a súa condición de “reservorios naturais e de biodiversidade, así como de espazos de soidade e silencio”, foron obxecto de exploración para o coñecemento científico e o espírito aventureiro, o que espertou o interese de xeógrafos, xeólogos, naturistas, artistas, poetas, viaxeiros, montañeiros..., sinalou Pérez Moreira na apertura deste centro de interese sobre as montañas, un compendio diverso no que o visitante pode atopar desde ‘A montaña máxica’, de Thomas Mann, ata obras de Uxío Novoneyra ou mesmo un DVD coa película ‘Brokeback Mountain’, de Ang Lee. O centro de interese sobre as montañas permanecerá aberto ao público nas instalacións da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo ata o vindeiro 30 de decembro, segundo indicou a directora deste centro universitario. Julia Cantalapiedra sinalou asemade que este tipo de actividades que se están a organizar na biblioteca logran focalizar a atención dos usuarios sobre a temática de cada centro de interese, ao tempo que se lle dá visibilidade aos fondos bibliotecarios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2015.