Pasar al contenido principal

Ciencias Económicas e Empresariais homenaxea a profesora Rosalía Porto Vila

O acto contou cunha numerosa representación de amigos e compañeiros de Rosalía Porto. Foto: Servimav-USC
O acto contou cunha numerosa representación de amigos e compañeiros de Rosalía Porto. Foto: Servimav-USC
“Sempre ía un paso máis alá [...] Os retos eran o seu motor e día a día era capaz de atopar algunha novidade que lle trasladaba aos estudantes. Por iso era unha boa profesora”. O reitor Juan Viaño aludiu con estas palabras á figura de Rosalía Porto Vila, docente falecida recentemente e que este mércores recibiu unha cálida homenaxe na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na que impartía docencia.

“É a nosa obriga manter o seu recordo e seguir compartindo a súa actitude vital, tanto no profesional como no humano”, engadiu Viaño, “con ela compartíamos problemas e solucións e iso é algo que debemos seguir facendo. É certo que xa non imos poder xuntos pero si temos que estar co seu recordo. Ela meréceo”.

No acto homenaxe celebrado en Ciencias Económicas e Empresariais, a profesora Isabel Méndez Naya foi a encargada de realizar unha semblanza persoal da que fora docente de Matemáticas do Departamento de Economía Cuantitativa, premio extraordinario de licenciatura e de doutoramento, e para quen tamén tivo palabras de lembranza o seu alumnado, representado por Pablo Lojo. A decana da Facultade Emilia Vázquez Rozas e José Buján, marido da homenaxeada, completaron a quenda de intervencións. O acto rematou cunha breve reportaxe fotográfica.

De esquerda a dereita, Emilia Vázquez, Juan Viaño e Pablo Lojo. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2021.