Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC advirte de que a taxa de incidencia da enfermidade de Lyme está a medrar en Galicia na última década

María Esther Vázquez López, na Facultade de Medicina da USC
María Esther Vázquez López, na Facultade de Medicina da USC
A tese presentada na USC pola neuropediatra luguesa María Esther Vázquez estuda a relación desta infección coa poboación de corzos con carrachas do xénero ‘Ixodes’

A enfermidade de Lyme, unha patoloxía infecciosa e multisistémica transmitida pola picadura de carrachas duras, principalmente do xénero Ixodes ricinus e que no home presenta un espectro de manifestacións moi amplo, incrementou a súa taxa da incidencia na última década en Galicia, segundo conclúe a neuropediatra luguesa e médico adxunto do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) María Esther Vázquez López na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Medicina da USC.

A tese ‘Estudo da enfermidade de Lyme na área sanitaria do Hospital Universitario Lucus Augusti e a súa relación coas poboacións de corzos parasitados por Ixodes’, dirixida polo catedrático de Neuropediatría da USC, Manuel Castro Gago, e polos profesores da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, Patrocinio Morrondo, Gonzalo Fernández e Pablo Díaz Fernández, constitúe un estudo autorizado polo Comité Galego de Bioética, no que Vázquez López realiza unha análise interdisciplinar e retrospectiva tanto da seroprevalencia como da taxa de incidencia desta infección. A enfermidade de Lyme é unha patoloxía infecciosa e multisistémica que no home presenta un espectro de manifestacións diverso, fundamentalmente a nivel cutáneo, neurolóxico, reumatolóxico ou cardíaco. O seu axente causal é a espiroqueta Borrelia burgdorferi, transmitida pola picadura de carrachas duras, principalmente do xénero Ixodes ricinus que, entre outros animais, aliméntase dos corzos. Vázquez López constata nas investigacións incluídas na súa tese de doutoramento que existe unha correlación positiva e significativa entre a taxa de incidencia de enfermidade de Lyme e a densidade destes ruminantes silvestres. No entanto, neste amplo traballo a investigadora comproba que hai outros factores que interveñen na infección das carrachas por Borrelia, polo que entende necesario realizar estudos máis amplos que permitan a súa identificación. A zona de procedencia e o hábitat no que residen os pacientes inflúen sobre a prevalencia e a taxa de incidencia de Enfermidade de Lyme. Estes dous parámetros son sensiblemente superiores entre as persoas residentes na montaña lucense e as que habitan no medio rural. Ademais, Vázquez López indica na súa tese que a taxa de incidencia desta doenza segue unha distribución bimodal respecto da idade dos enfermos, sendo superior nos pacientes en idade pediátrica (menores de 15 anos) e nos maiores de 60 anos. Tanto nas carrachas obtidas dos corzos como nas recollidas na vexetación, a investigación realizada por Vázquz López posibilitou que se identificaran por primeira vez en Galicia seis xenoespecies de Borrelia, das cales cinco son patóxenas para o home e atópanse entre as de maior interese como causantes de enfermidade de Lyme. O mellor coñecemento epidemiolóxico desta importante enfermidade que, en Galicia, pódese considerar como emerxente, permitirá non só acadar un mellor índice de sospeita desde o punto de vista médico, optimizando diagnóstico e tratamento; senón ademais, actuar activamente para que a poboación adopte as medidas de protección necesarias para evitar a picadura de carracha e para reducir ao máximo o tempo de alimentación da mesma. A dispoñibilidade deste tipo de información resulta de especial interese para as persoas que viven en zonas rurais ou realizan actividades ao aire libre en zonas de risco. O laborioso traballo de investigación desenvolvido por Mª Esther Váquez López e compilado na súa tese de doutoramento encádrase no que actualmente se coñece como ‘Unha saúde, unha medicina’, unha iniciativa na que é fundamental a colaboración das diversas profesións sanitarias que traballen a nivel local, nacional e global, para acadar unha saúde óptima para as persoas, os animais e o medio ambiente. Composición do tribunal e cualificación

O tribunal estivo integrado polos catedráticos de Sanidade Animal da USC, Pablo Díez Baños, e da Universidade de Zaragoza, Caridade Sánchez Acedo. Os profesores de Pediatría Rosaura Leis Trabazo, da USC, Rafael Palencia Luaces, da Universidade de Valladolid, e Emilio Fernández Álvarez, da Universidade de Barcelona, completan a relación de membros do xurado, que acordou por unanimidade cualificar con sobresaínte cum laude a tese de doutoramento realizada por María Esther Vázquez López.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2015.