Pasar al contenido principal

Unhas xornadas en Dereito achéganse á responsabilidade social empresarial na economía social

Unhas xornadas en Dereito achéganse á responsabilidade social empresarial na economía social
Unhas xornadas en Dereito achéganse á responsabilidade social empresarial na economía social

A inserción no mundo laboral de persoas con discapacidade, entidades sen ánimo de lucro e o panorama do terceiro sector son algúns dos temas que se van abordar este martes 29 na Facultade de Dereito no transcurso das Xornadas sobre Responsabilidade Social Empresarial na economía social. A xornada desenvólvese no marco do X curso de Goberno Corporativo e RSE e está organizada polo Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Investidor da USC (CERGI), o Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC, o grupo Galega de Economía Social (Grupo GES), Cogami e a Xunta de Galicia. A subdirectora xeral de Traballo, María Coutinho Villanueva, xunto coa profesora Consuelo Ferreiro Regueiro, serán quen inauguren a xornada a partir das 16.00 horas. A continuación representantes de COGAMI, do CERGI, do CEDE e da Xunta de Galicia abordarán diversos aspectos relacionados coa inserción laboral de persoas con discapacidade, as particularidades das entidades sen ánimo de lucro e o panorama do terceiro sector. Ademais, revisarán a normativa sobre a incorporación de cláusulas sociais na contratación pública de persoas con discapacidade ou as empresas de economía social, entre outros temas. No encontro está previsto tamén que se ofrece información sobre bolsas e prácticas en empresas. A economía social é un piar importante da economía europea que representa en torno ao 10% do PIB. Máis de 11 millóns de traballadores, o 4,5% da poboación activa da Unión Europea, traballan na economía social. Neste senso, e como sinalan os promotores da xornada, unha de cada catro sociedade creadas ao ano é unha empresa social, porcentaxe que se incrementa a unha de cada tres en países como Francia, Finlandia e Bélxica. A asistencia a estas xornadas é gratuíta, sendo preciso confirmar a participación no enderezo cergi [at] usc.es (cergi[at]usc[dot]es). Máis información en www.usc.es/crgi.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2014.