Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aprobou os límites de prazas das titulacións de grao para o vindeiro curso

As titulacións de grao que oferta a USC manterán o vindeiro curso 2014-2015 o seu límite de prazas actual, excepto Odontoloxía que incrementa a oferta de 40 a 50 e Comunicación Audiovisual, igualmente de 40 a 50 prazas. Ademais, incorpórase á oferta o grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas en Lugo con 45 prazas e o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, con 50 prazas, que agrupa nun único título as enxeñarías Agrícola e de Medio Rural e a das Industrias Agroalimentarias. Así se acordou na xuntanza ordinaria que o Consello de Goberno celebrou este venres. En Santiago, ademais dos citados, a oferta contempla tamén os graos en Bioloxía (150 prazas), Administración e Dirección de Empresas (200), Economía (150), Xornalismo (80), Ciencia Política e da Administración (125), Pedagoxía (75), Educación Social (75), Mestre en Educación Infantil (80) e en Educación Primaria (140), Dereito (180), Enfermaría (150), Farmacia (200), Filosofía (65), Lingua e Literatura Españolas (50), Lingua e Literatura Galegas (50), Lingua e Literatura Inglesas (100), Filoloxía Clásica (25), Linguas e Literaturas Modernas (75), Física (100), Matemáticas (120), Medicina (350), Óptica e Optometría (60), Psicoloxía (150), Relacións Laborais e Recursos Humanos (100), Química (125), Xeografía e Ordenación do Territorio (60), Historia da Arte (100), Historia (100), Enxeñaría Informática (60), Enxeñaría Química (60) e Traballo Social (90). No Campus de Lugo, o alumnado poderá escoller entre Administración e Dirección de Empresas (125 praza), Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais (80), Nutrición Humana e Dietética (60), Mestre en Educación Infantil (90) e en Educación Primaria (90), Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (40 prazas para a modalidade presencial e 20 para a semipresencial), Lingua e Literatura españolas (25), Veterinaria (110), Enfermaría (68), Relacións Laborais e Recursos Humanos (65), Enxeñaría Civil (50), Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (80), Enxeñaría e Xeomática e Topografía (50) e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (50). Prazas O Consello de Goberno acordou tamén a asignación e creación de dúas prazas de promoción a cátedra nas áreas de Medicina e Cirurxía Animal e en Toxicoloxía, ambas no Campus de Lugo, por unha votación con 19 votos a favor, 6 en contra e 11 abstencións. A decisión atópase dentro dos límites que permite a taxa de reposición, do 10%, a que autoriza a Lei de Orzamentos do Estado Validacións e Recoñecementos O Protocolo de Validacións e Recoñecementos foi outro dos puntos aprobados polo Consello de Goberno, un documento que pretende axilizar a resolución dos expedientes de recoñecemento aos efectos de mellorar a xestión universitaria da Universidade compostelá, establecendo un novo procedemento de actuación que substitúa ao actual, aprobado en 2006. Aplicarase nos casos de estudos estranxeiros para o acceso a titulacións de grao e no recoñecemento de estudos no Sistema Universitario español. Modificación do regulamento electoral Outro dos puntos desta xuntanza ordinaria do órgano colexiado é a adaptación do regulamento electoral xeral da USC aos novos Estatutos da Universidade compostelá, publicados no DOG a pasada semana. Como recolle o texto que debate o Consello, esta adaptación non exclúe a pertinencia de “ realizar un novo regulamento electoral conforma ás directrices que fixe o claustro, pero esta tarefa debe facerse de xeito sereno e con tempo para a reflexión”. A adaptación a realizar céntrase na adaptación dos sectores ao novo texto estatutario; a introdución do voto electrónico conforme á experiencia acumulada en distintos programas piloto nos últimos anos; e a eliminación de artigos que son consecuencia das reformas da LOU producidas dende o ano de aprobación do Regulamento electoral. Calendario académico Outro dos asuntos que se analiza nesta xuntanza é o calendario académico para 2014-2015, único para os estudios adaptados ao EEES e os que se atopen en proceso de extinción. Segundo o que se presenta, o calendario organízase en dous semestres que abarcarán do 5 de setembro ao 19 de decembro de 2014 e do 27 de xaneiro ao 13 de maio de 2015. O período de cualificacións do primeiro semestre concentrarase entre os días 8 e 23 de xaneiro de 2015 e no segundo entre o 14 de maio e o 5 de xuño. A convocatoria de segunda oportundade para as probas de cualificación abranguerá do 29 de xuño ao 17 de xullo de 2015. A docencia interromperase dende o sábado 20 de decembro de 2014 ata o día 7 de xaneiro de 2015 (ambos os dous incluídos), o luns e martes de carnaval (16 e 17 de febreiro de 2015), e durante a Semana Santa, dende o 30 de marzo ao 5 de abril de 2015 (ambos os dous incluídos). Estudos en réxime de intercambio O Consello de Goberno trata nesta xuntanza tamén a Normativa sobre recoñecemento de estudos realizados en réxime de intercambio que define un sistema de equivalencias de cualificacións para os estudos cursados en réxime de intercambio, semellante ao empregado polo Ministerio de Educación e Ciencia para a validación de estudos estranxeiros, e así clarificar algúns aspectos do proceso de recoñecemento na USC de cualificacións cursadas en universidades estranxeiras. Outros asuntos

A orde do día desta xuntanza inclúe ademais a modificación do Programa de atención a estudantado de fóra da UE ou a participación da USC no capital social fundacional do proxecto empresarial DART, cuxa orixe é a experiencia do grupo de investigación en Radiofísica pertencente ao departamento de Física de Partículas (GI-1858 ). Os regulamentos de traballos fin de grao e de fin de máster de diversos títulos, a modificación do regulamento de réxime interno do CIQUS ou a prórroga como profesor ad honorem do profesor José Luís Pintos de Cea-Naharro, foron outros dos asuntos que trata este Consello de Goberno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.02.2014.