Pasar al contenido principal

Os decanos das facultades galegas destacan as boas expectativas laborais dos titulados en Económicas e Ciencias Empresariais

María Emilia Vázquez e Begoña Barreiro, á esquerda, cos decanos das facultades de A Coruña e Ourense
María Emilia Vázquez e Begoña Barreiro, á esquerda, cos decanos das facultades de A Coruña e Ourense
Os responsables da dirección dos centros universitarios de Vigo, Ourense, A Coruña e Santiago abordaron en Lugo a organización da Olimpíada Galega de Economía

Os decanos das cinco facultades galegas de Económicas e Ciencias Empresarias do Sistema Universitario Galego (SUG) abordaron este luns na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo os últimos detalles da organización da vindeira edición da Olimpíada Galega de Economía, un certame dirixido a estudantes de ensino secundario e Bacharelato dos distintos centros radicados na comunidade galega e que se celebrará previsiblemente ao longo do mes de abril de 2014.

Esta xuntanza de traballo, que reuniu no campus lugués aos decanos das facultades de Económicas e Ciencias Empresarias dos campus de Vigo, Ourense, A Coruña, Compostela e Lugo, cuxa decana, Begoña Barreiro, actuou como anfitriona desta xornada de traballo, serviu asemade para poñer de manifesto as boas expectativas de inserción laboral dos titulados universitarios en Economía e Administración e Dirección de Empresas. Barreiro salientou neste senso que as persoas que acadan unha titulación en calquera destes graos universitarios seguen a ocupar os primeiros postos de expectativas de inserción laboral na maioría dos estudios realizados. Estes datos, denotan, segundo comentou Barreiro, que a amplitude das áreas temáticas incluídas nos diferentes planos de estudo destas titulacións universitarias, deparan titulados moi versátiles e con coñecementos e capacidades para desenvolver cometidos laborais e profesionais moi diferentes. As boas expectativas de inserción no mercado de traballo que de sempre estiveron asociadas cos/as egresados/das facultades de Económicas e Ciencias Empresariais serve de acicate, segundo indicou Begoña Barreiro, para pensar que estas titulacións non rexistrarán problemas nos vindeiros anos para cubrir as cifras mínimas de nova matrícula que determinarán a continuidade ou non dos graos. Respecto da organización da vindeira edición da Olimpíada Galega de Economía, a decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, sinalou que esta xornada de traballo permitiu intercambiar impresións e opinións respecto dalgúns aspectos da súa organización. Barreiro salientou, sen embargo, que á espera de que se faga pública a convocatoria deste certame e cando aínda tampouco se coñece se esta fase autonómica dará acceso ou non á Olimpíada de Economía de España, os promotores deste certame en Galicia barallan o mes de abril como a fecha máis axeitada para a súa celebración. Begoña Barreiro engadiu neste senso, que, entre outros dos motivos que aconsellan retrasar ao mes de abril esta competición, tamén figura o feito de celebrar o torneo nunhas datas axeitadas para que aqueles equipos gañadores poidan participar na Olimpíada de Economía que se desenvolverá en todo o Estado, unha cita que previsblemente terá lugar ao longo do mes de maio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2014.