Pasar al contenido principal

A USC mantén aberta a inscrición nunhas xornadas sobre o currículo educativo en Lingua e Literatura galegas

O programa, que reflexiona sobre a situación do ensino da lingua e da literatura galegas, desenvolverase os días 21 e 22 de febreiro na Facultade de Filoloxía

A Universidade de Santiago de Compostela mantén aberto ata o 18 de febreiro o prazo de inscrición nas xornadas ‘Repensando o currículo educativo en lingua e literatura galegas nun contexto social de mudanzas’, un foro promovido polos departamentos de Filoloxía Galega e Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Socias da USC en colaboración co Instituto de Lingua Galega (ILG), que se desenvolverá os días 21 e 22 de febreiro no salón de actos da Facultade de Filoloxía de Santiago.

O programa destas xornadas, coordinadas polos profesores Francisco Cidrás e Bieito Silva e dirixidas especialmente ao profesorado de ensino secundario da especialidade de Lingua e Literatura galegas, pretende ser un foro de análise e de reflexión sobre o crecente proceso de desgaleguización do estudantado, ademais dun espazo para redefinir estratexias orientadas á mellora de actitudes e ao fomento do uso instrumental do galego. No actual contexto de mudanzas sociais e sociolingüísticas que se rexistra en Galicia, estas xornadas buscan reforzar os vínculos entre o profesorado de secundaria e os docentes universitarios, a fin de fixar obxectivos prioritarios comúns, ademais de afondar na coordinación do proceso de ensino/aprendizaxe da lingua galega e definir novos recursos e metodoloxías a empregar. As xornadas, nas que intervirán un total de 16 relatores, abrangue temas que van desde o ensino da lingua e da literatura, a perspectiva destas ensinanzas desde a aula, os modelos de educación lingüística e de lingua nas aulas de galego ou mesmo as estratexias para mellorar actitudes e para fomentar o uso instrumental do galego. O ensino da lingua e a literatura galegas nas universidades e a perspectiva que ten o alumnado deste proceso son outras cuestións tamén recollidas no programa. As persoas interesadas en participar nestas xornadas, que ofrecen un total de 200 prazas e que están recoñecidas pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia con 12 horas lectivas de formación continua para o profesorado, poden atopar toda a información relativa ao proceso de inscrición e matrícula no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/congresos/xornadasllg/matricula.html.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2014.