Pasar al contenido principal

BioReDes abre este martes a inscrición na escola de investigación de verán sobre seguridade alimentaria e produción sustentable

BioReDes abre este martes a inscrición na escola de investigación de verán sobre seguridade alimentaria e produción sustentable
BioReDes abre este martes a inscrición na escola de investigación de verán sobre seguridade alimentaria e produción sustentable
A primeira edición da BioReDes Research Summer Shool, orientada a estudantes de grao e de posgrao, ofrece 20 prazas. A listaxe de admitidos publicarase o 27 de xuño

A Agrupación Estratéxica de Investigación BioReDes ‘Xestión e produción sustentable de biorrecursos’ do Campus Terra da USC pon en marcha unha escola de investigación de verán dirixida a estudantes interesados na investigación sobre produción primaria sostible e a seguridade e calidade alimentaria. Este campus científico de verán desenvolverase do 8 ao 12 de xullo de 2019.

A BioReDes Research Summer School (BioReSuS 2019), tal e como se denomina esta nova actividade promovida desde a agrupación estratéxica de investigación da sede universitaria luguesa, é unha actividade para a que se ofrecen un total de 20 prazas de matrícula e que se antolla como unha oportunidade única para coñecer de primeira man os proxectos de investigación dos diferentes grupos de I+D+i agromados en BioReDes.

O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de fomentar o interés pola investigación nos ámbitos da produción primaria sustentable, a seguridade e a calidade aliemntaria. A BioReSus 2019 pretende ademais contribuír á formación en competencias de investigación nun contexto interdisciplinar. Daquela, esta escola de investigación de verán constitúe unha fórmula acaída para ampliar a formación a través das diversas actividades propostas e de experimentar en primeira persoa como é a vida dun investigador.

Os estudantes universitarios e as persoas xa graduadas que formalicen a súa matrícula na BioReSus 2019 terán a ocasión de asistir a conferencias e obradoiros, ao tempo que poderán realizarán visitas a centros de investigación e servizos xerais da USC. De feito, o programa desta actividade inclúe un día de actividades de investigación en Santiago de Compostela, no Instituto de Acuicultura e no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia.

O abano de actividades programados inclúe tamén o desenvolvemento de miniproxectos de investigación multidisciplinares dentro dos eixos de investigación da Agrupación Estratéxica BioReDes. Este traballo de experimentación desenvolverase de xeito colectivo, en grupos reducidos de 2 a 4 estudantes e sempre baixo a supervisión de investigadores de diferentes laboratorios.

O programa da BioReSus 2019 completarase con actividades sociais para favorecer a interacción entre os participantes, a fin de facilitar que coñezan as cidades de Lugo e de Santiago de Compostela desde outra perspectiva. O prazo de pre inscrición nesta escola de investigación de verán abre o martes 18 de xuño e as persoas interesadas poderán solicitar a súa participación ata o 25 de xuño. A listaxe de admitidos publicarase o 27 de xuño e a matrícula poderá formalizarse entre o 28 de xuño e o 2 de xullo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2019.