Estudantes dos Ies Gregorio Fernández de Sarria e Rosalía de Castro de Santiago gañan a Olimpíada de Xeoloxía na USC
Estudantes dos institutos de ensino secundario Gregorio Fernández, de Sarria, e do Rosalía de Castro, de Compostela, acadaron as mellores cualificacións nas probas da V Olimpíada de Xeoloxía celebradas na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, un certame no que participaron arredor de 200 estudantes de ensino secundario e Bacharelato.
O alumno de cuarto curso da ESO do IES Gregorio Fernández de Sarria, Pedro Argüello Vázquez, foi o gañador da proba da fase galega da V Olimpíada de Xeoloxía celebrada este mércores na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e na que tomaron parte estudantes de institutos de ensino secundario de Lugo, Sarria, Viveiro e Melide. Asemade, Saúl Astray Gómez, do IES Rosalía de Castro de Compostela, foi o participante das probas celebradas na Facultade de Bioloxía da USC que acadou a mellor cualificación. Os dos gañadores das probas da fase galega da V Olimpíada de Xeoloxía celebradas este martes nos campus de Lugo e de Compostela da USC eran integrantes dos dous equipos que tamén resultaron gañadores nas súas respectivas fases locais. Daquela, Pedro Argüello, xunto coa súa compañeira de 4º da ESO Cristina Armesto López, e coas tamén estudantes de 1º de BAC no IES Gregorio Fernández de Sarria, Lorena Díaz Carrasco, Noelia Pérez López e Talía Rodríguez Rodríguez, conformaron o equipo gañador da fase da V Olimpíada de Xeoloxía celebrada no campus lugués, un certame no que Yago Ferreiro Arias, alumno de 2º de BAC do IES Xoán Montes da capital luguesa, se proclamou subcampión individual. Asemade, o compostelán Saúl Astray, que foi o estudante mellor cualificado de todos cantos participaron nas probas da V Olimpíada de Xeoloxía celebradas na Facultade de Bioloxía, tamén gañou a proba de equipos cun grupo formado por alumnos do IES Rosalía de Castro. Os organizadores da fase do certame celebrada en Compostela outorgaron un accésit á estudante de 4º de ESO no CPI A Picota, de Mazaricos, Yasmina Farhani Luaces, logo de ser a participante inscrita que acadou a segunda mellor cualificación. A Olimpíada de Xeoloxía é un certame promovido polo Colexio de Xeólogos, a Sociedade Xeolóxica Española e a Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra que ten como obxectivos espertar no estudantado preuniversitario o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, ademais de fomentar novas vocacións universitarias neste campo do saber e de salientar a importancia da preservación do medio natural. A USC tivo unha implicación salientable na celebración deste certame, tanto polo feito de acubillar dúas das sedes da fase autonómica –a terceira sede estivo emprazada na Escola de Superior de Minas de Vigo- como pola implicación directa do profesorado dos centros de acollida deste certame como de responsables de órganos de goberno da propia institución académica compostelá. O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno, e os profesores deste centro universitario lugués, Esperanza Álvarez e Javier López, como coordinadores da actividade, acompañaron durante toda a xornada aos participantes nesta fase galega da V Olimpíada de Xeoloxía, mentres que o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu a cerimonia de entrega de agasallos e premios aos gañadores. A decana da Facultade de Bioloxía, María Luz González, e o coordinador do programa ‘A Ponte’, Luis Hervella, foron os encargados de recibir aos estudantes inscritos para participar na V Olimpíada de Bioloxía no campus compostelán, onde logo o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán, presidiu o acto de clausura e entrega de premios. Unha vez coñecidos os gañadores e as cualificacións acadadas polos participantes nas fases sectoriais da V Olimpíada de Xeoloxía celebradas nos campus de Lugo e de Compostela, os organizadores deste certame agardan coñecer os resultados das probas desenvolvidas na Escola Superior de Minas de Vigo para determinar os tres candidatos/as que acadaron as puntuacións máis altas e que lles abren a posibilidade de acceder á fase nacional da Olimpíada de Xeoloxía. As probas do certame nacional da Olimpíada de Xeoloxía desenvolveranse o 29 de marzo en Toledo, de onde sairá a selección de estudantes que acudirá á fase internacional do torneo, que se celebrará en xullo na cidade estadounidense de Vermont. Participantes nas probas da V Olimpíada de Xeoloxía celebradas no campus de Compostela Participantes e organizadores das probas da V Olimpíada de Xeoloxía celebradas na Escola Politécnica Superior de Lugo