Pasar al contenido principal

O Ciclo de Novos Intérpretes chegao ao seu ecuador da man de Carolina Herrera Almeida, Cecilia Rodríguez e Jesús López Blanco

O Ciclo de Novos Intérpretes chega ao seu ecuador da súa décimo sexta edición coa celebración do quinto concerto que ofrecerán a pianista Carolina Herrera Almeida, a soprano Cecilia Rodríguez e o pianista Jesús López Blanco. Como xa é habitual, o concerto celebrarase no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, este luns 24 a partir das 20.00 horas con entrada gratuíta. A pianista canaria afincada en Ferrol, onde cursa cuarto de grao profesional no Conservatorio Xan Viaño, Carolina Herrera Almeida abrirá o concerto con obras para piano de Mozart (unha fantasía), Chopin (un estudo) e Khachaturian (unha tocata). Na segunda parte será a quenda da soprano Cecilia Rodríguez e o pianista Jesús López Blanco. Tinerfeña de nacemento, Cecilia Rodríguez formouse na súa cidade natal e en Santiago, Madrid, Weimar e Salzburgo. Con 25 anos atesoura xa unha ampla experiencia coral e como solista en concerto, ópera e zarzuela. Estará acompañada ao piano polo lucense Jesús López Blanco de 23 anos que o ano pasado rematou os estudos superiores na Musikene de San Sebastián como alumno de Marta Zabaleta. O seu programa está composto por arias de ópera e opereta de Monteverdi, Mozart, Donizetti, Verdi, Strauss, Puccini e Bernstein. Coa colaboración da Universidade de Santiago, este certame alcanza a súa edición número dezaseis o que o converte no certame galego máis antigo en activo especialmente dedicado aos/ás máis novos/as intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan a sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores. O programa do ciclo consta de nove concertos que se celebrarán ata o mes de marzo, co concurso de máis de trinta novos músicos residentes en Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2014.