Pasar al contenido principal

Máis de 60 estudantes do Ies de Becerreá e do Cefa de Guísamo visitan a Escola Politécnica e coñecen a súa oferta formativa

Estudantes, nun obradoiro de enxertado e atado de vides nos arredores da Escola Politécnica
Estudantes, nun obradoiro de enxertado e atado de vides nos arredores da Escola Politécnica
Os participantes nesta xornada de portas abertas recibiron ampla información sobre as titulacións impartidas na EPS e tomaron parte nos distintos obradoiros desenvolvidos

Máis de 60 estudantes preuniversitarios do Ies de Becerreá e do Centro de Formación Agroforestal de Guísamo visitaron este xoves a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC co gallo da celebración dunha xornada de portas abertas, unha actividade durante a que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións e as posibilidades de aprendizaxe e investigación que ofrece este centro universitario.

Esta xornada de portas abertas, organizada polo equipo de dirección do centro universitario e que se desenvolverán baixo o lema ‘Imaxina, investiga, descobre... enxeña’, ofreceu tamén a este grupo de estudantes de ESO, BAC e Ciclos Superiores de FP a posibilidade de participar nos distintos obradoiros prácticos programados para a ocasión e cuxa temática abrangueu desde o guiado de tractor mediante GPS, agricultura ecolóxica, enxertado de vides e árbores, cata de queixos, agricultura ecolóxica, práctica de topografía e cun convertedor de enerxía das ondas, lectura dos aneis das árbores e determinación da súa altura, etc. Outro dos obxectivos desta xornada, que se desenvolveu en horario de 10.00 a 20.00 horas, atinxe ao feito de informar de primeira man a estudantes, pais e profesores sobre as saídas profesionais das titulacións de grao impartidas na Escola Politécnica Superior de Lugo, así como das posibilidades de completar estadías de prácticas en empresas, entidades ou institucións como primeiro paso para acceder ao mercado laboral, segundo explicou a coordinadora desta actividade, a profesora Rosa Romero. As persoas que participaron nestas xornadas de portas abertas, nas que se implicaron un bo número de profesores e investigadores do centro, puideron completar visitas guiadas ás distintas dependencias (laboratorios, invernadoiros, aulas, fincas de prácticas...) da Escola Politécnica Superior, ademais de recoller diverso material informativo sobre os títulos en Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, que conformarán a oferta de estudos de grao da EPS para o vindeiro curso 2013-2014. Ao remate da xornada de visita, os estudantes recibiron como agasallo cadanseu exemplar do Vocabulario Forestal e Termos Esenciais de Botánica, ademais de amplo material informativo sobre o centro e a súa oferta formativa de títulos de grao.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2014.