Pasar al contenido principal

Voluntarias da Facultade de ADE achegan ás TIC a persoas con discapacidade intelectual do centro San Vicente de Paúl

Obradoiro de alfabetización informática, promovido pola Aula TIC-Pemes na Facultade de ADE
Obradoiro de alfabetización informática, promovido pola Aula TIC-Pemes na Facultade de ADE
O proxecto ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’, promovido pola Aula TIC-Pemes da USC, conta con financiamento da Fundación La Caixa

Un grupo de estudantes voluntarias da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo formarán no eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a persoas con discapacidade intelectual residentes no centro San Vicente de Paúl.

Esta actividade formativa encádrase no marco do programa ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’, organizado e promovido pola Aula TIC-Pemes da Universidade de Santiago de Compostela e que conta con financiamento da Fundación La Caixa. Este proxecto de alfabetización informática de persoas con discapacidade intelectual comezará a desenvolver as sesións propiamente formativas este mércores, a partir das 19.15 horas, nunha das aulas de informática da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, segundo indicou a responsable da Aula TIC-Pemes da USC, a profesora Ángeles López Cabarcos. O programa ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’ é unha iniciativa que se axusta aos obxectivos que propiciaron a creación da da Aula TIC-Pemes da USC, entre cuxos obxectivos está a activación de propostas e proxectos de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TICs, o traballo na formación continua ao longo da vida laboral a través da xeración de ofertas específicas que favorezan o acceso aos recursos e medios máis novos no ámbito das TIC. Esta actividade, de marcado perfil solidario e que afonda no compromiso e na responsabilidade social da Universidade de Santiago de Compostela, pretende contribuír a ampliar a oferta formativa dun colectivo en risco de exclusión social, tal e como é o caso das persoas con discapacidade intelectual, a fin de mellorar o seu grao de empregabilidade e evitar que permanezan illadas da sociedade da información. Este proxecto da Aula TIC-Pemes da USC botou a andar no mes de novembro co proceso de selección de universitarios/as voluntarios/as interesados/as en participar. Unha vez rematada a selección de candidatos/as, os escollidos/as completaron un programa de formación específico no que adquiriron as habilidades e competencias precisas para desenvolver este programa de alfabetización informática de persoas con discapacidade intelectual. Unha vez completado este proceso de formación, este grupo de voluntarias universitarias achegarán a outras tantas persoas con discapacidade intelectual ao mundo das TIC nas distintas sesións que se celebrarán nunha das aulas de informática da Facultade de ADE. Este programa de formación, que contempla un total de oito sesións, comeza esta tarde, a partir das 19.15 horas. As outras xornadas de alfabetización informática programadas ao abeiro deste proxecto desenvolveranse ao longo do mes de febreiro e nas primeiras semanas de marzo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2014.