Pasar al contenido principal

O verán comezará o venres 21 ás 17.54 horas

O verán comezará o venres 21 ás 17.54 horas
O verán comezará o venres 21 ás 17.54 horas

A eclipse parcial de Lúa do 16 de xullo será o principal fenómeno astronómico da estación estival que comezará este venres 21 ás 17.54 horas. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o comezo da eclipse coincidirá coa saída da Lúa en Galicia, arredor das 22.00 horas, e estendéndose ata a 1.00 do día 17. Tamén está prevista unha eclipse total de Sol, o día 2 do mesmo mes, pero non será visible en Europa senón en América do Sur e no Pacífico.

O profesor Docobo tamén sinala como outro evento destacable do verán as Perseidas, coincidindo puntualmente pola festividade de San Lourenzo, aínda que este ano, coa Lúa preto da fase chea, “as condición non van ser moi favorables especialmente na noite do 12 ao 13 de agosto cando se prevé o máximo da actividade deste choiva de estrelas”, aclara o investigador.

Durante este verán, Docobo apunta que os planetas Xúpiter e Saturno, “as xoias da coroa”, estarán presentes todas as noites no ceo nocturno. Pola contra, Venus estará no amencer ata mediados de agosto e logo pasará a verse logo do solpor, en tanto que Mercurio alternará as súas aparicións “dende a noitiña (ata comezos de xullo), aos amenceres de xullo e agosto, para volver en setembro a ser visible logo do solpor”. O planeta Marte poderá ser observado a primeiras horas da noite en xuño e xullo e logo en agosto e setembro no albor. Durante a estación que agora comeza poderá verse unha aliñación Xúpiter- Lúa- Saturno os días 12 ao 16 de xullo, entre o 9 e o 13 de agosto e do 5 ao 8 de setembro.

Como vén sucedendo dende hai máis dunha década, persoal do Observatorio da USC colaborará no desenvolvemento do programa Visitas Astronómicas coa Cidade da Cultura de Galicia. Para poder participar nesta última actividade é preciso inscribirse previamente. Ademais, o Observatorio Ramón María Aller da USC ten previsto realizar sesións de observación astronómica en distintos concellos galegos do mesmo xeito que nos últimos anos.

Apuntamento meteorolóxico
Segundo explica o profesor José Ángel Docobo, remata unha primavera “máis ben seca na contorna de Compostela aínda que con temperaturas baixas especialmente no final da estación”. A precipitación de abril “estivo por debaixo da media quedándose en 214 litros/m2 pero non houbo precipitación nos comezos da primavera e en maio foi escasa ( 47,5 l/m2)”.

Polo que respecta ás temperaturas, a máxima absoluta tivo lugar o 31 de maio con 33º7 e a mínima, de 2º1, aconteceu o día 3 tamén de maio. Como explica o director do Observatorio, son destacables as temperaturas máximas tan baixas rexistradas en xuño con oito días por baixo dos 18º e incluso medíndose 13º9 o día 6. De todos os xeitos, na súa opinión, “isto tampouco é novidoso xa que de cando en vez prodúcense situacións como a presente. Sen ir mais lonxe, o ano pasado o día 9 de xuño a temperatura máxima en Santiago fora de 13º2”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2019.