Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aprobou a normativa de planificación académica anual para o vindeiro curso 2014-2015

O Consello de Goberno da USC aprobou na sesión ordinaria celebrada este xoves a normativa e o calendario de planificación académica anual para o vindeiro curso 2014-2015. Trátase dun instrumento que permite formular a oferta académica das titulacións oficiais ao establecer criterios comúns tendo en conta o cadro de docentes e a súa dedicación docente ou a estimación de alumnos matriculados por materia, entre outras consideracións. Ao longo do vindeiro mes de febreiro abrirase a aplicación informática para que os centros cubran o seu PDA. O proceso rematará no mes de xuño coa aprobación da programación docente das materias e a publicación na web institucional. Na mesma xuntanza acordouse o nomeamento como profesor/investigador ad honorem José E. Mora Bermúdez e a prórroga para Jesús Devesa Múgica, ademais da proposta da Comisión de Avaliación de Accións Especiais para o nomeamento como doutores honoris causa do enxeñeiro e Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica Amable Liñán Martínez (considerado unha autoridade mundial no campo da combustión), a proposta do Departamento de Matemática Aplicada, e de Juan Manuel Escudero, catedrático de Didáctica da Universidade de Murcia, a proposta de Didáctica e Organización Escolar. Segundo o acordado polo Consello de Goberno, a USC suprimirá a partir do próximo curso un total de 16 másteres ben pola implantación doutras titulacións análogas ou por tratarse de títulos non ofertados nos últimos anos. Outros asuntos que se trataron na xuntanza foron sobre a modificación do Programa de Doutoramento en Equidade e Innovación Educativa, o acordo sobre as reclamacións adscrición de materias a áreas de coñecemento, prazas de profesorado, o nomeamento de membros de Comisión do propio Consello ou os regulamentos de Traballo Fin de Grao de once títulos e de Fin de Máster doutros seis posgraos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2014.