Pasar al contenido principal

Un obradoiro axudará a elaborar os traballos fin de grao e de máster en galego

O prazo de matrícula remata o 26 de outubro

O Servizo de Normalización Lingüística da USC mantén aberto ata o día 26 deste mes a matrícula no obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou mestrado en galego. Recoñécese 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas. O alumnado traballará sobre un modelo aprobado, por exemplo, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e mais na ETSE, e titorizado por profesorado. Trátase da cuarta edición do obradoiro que se dirixe a todas as titulacións, aínda que desta volta ten preferencia a Facultade de Xeografía e Historia. Nas 30 horas de duración, 26 delas presenciais, as persoas asistentes verá contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción dos traballos, e tamén comunicacionais para a defensa do traballo con apoio de presentacións dixitais. En marzo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos. O obradoiro desenvolverase na Aula Informática 4 da Facultade de Historia os venres entre o 31 de outubro e o 12 de decembro (ambos incluídos) e o 6 e 13 de marzo de 2015 en horario de tarde (de 16 a 19 horas, agás o 12 de decembro e as xornadas de marzo, que será de 16 a 18).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2014.