Antonio Segura Iglesias, novo decano da Facultade de Bioloxía
O profesor de Fitopatoloxía do Departamento de Fisioloxía Vexetal Antonio Segura Iglesias resultou elixido decano da Facultade de Bioloxía da USC nas eleccións que tiveron lugar este luns. Rematar o proceso de avaliación externa do grao en Bioloxía e revisar a oferta de grao e posgrao da Facultade son algúns dos propósitos que o profesor Segura se propón para estes vindeiros catro anos de mandato. Ademais, pretende potenciar a participación do estudantado nos órganos de goberno do centro e diversificar e aumentar a oferta de prácticas para este colectivo á vez que impulsar a formación en inglés. Apoiar os departamentos nas súas demandas de recursos humanos tanto no referido a PAS como a PDI é outro dos obxectivos do novo decano, que asegura manterá unha comunicación estable e fluída co goberno da Universidade compostelá e cos distintos departamentos relacionados coa Facultade. Segura, que na votación contou con 64 papeletas a favor e 14 en branco, contará no seu equipo decanal con Ysabel Santos Rodríguez e Jesús Aboal Viñas como vicedecanos e Eva Candal Suárez como secretaria.