Tomás Cuesta García, novo director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Tomás Cuesta García vén de ser elixido novo director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, trala votación celebrada no marco da xunta de escola desenvolvida este xoves na EPS e na que a candidatura encabezada polo profesor Cuesta García, a única presentada, obtivo 105 votos a favor dos 115 emitidos. Houbo sete abstencións e tres votos en contra.
As profesoras Rosa Romero e Ana Isabel García, como subdirectoras de Prácticas e Orientación Laboral e de Calidade e Relacións Internacionais, respectivamente, e Alberte Castro, en calidade de subdirector de Organización Académica completan o novo equipo de dirección da EPS, centro no que Montserrat Valcárcel asumirá as funcións propias da secretaría académica. Incrementar a implicación e a participación de toda a comunidade universitaria que forma a EPS na mellora da visibilidade do centro universitario e da súa oferta académica constitúe unha das premisas do novo equipo de goberno, que tamén se fixa como obxectivo a mellora do grao de ocupación dos titulados/as xa egresados. O aproveitamento e posta en valor dos 352 convenios e acordos que a EPS ten asinados con empresas, organismos oficiais e asociacións para o desenvolvemento de prácticas externas do estudantado, e as estreitas relacións que mantén o centro universitario cos distintos colexios profesionais son dúas das vías nas que traballará a dirección da EPS para mellorar a inserción laboral dos seus titulados/as, segundo indicou Tomás Cuesta, quen tamén avoga por mellorar e intensificar a relación coa sociedade nos ámbitos de actuación do noso centro. Respecto a outras cuestións de funcionamento interno do centro máis ligadas ao ámbito académico, Cuesta defende a continuidade dos procesos de avaliación externa, entre os que se atopan a acreditación dos títulos de grao e máster, homologación do sistema de garantía interno de calidade, plan estratéxico do centro e a aplicación e posta en marcha doutros plan de mellora.