Pasar al contenido principal

Carmen Fernández Morante, elixida nova decana da Facultade de Ciencias da Educación

Mª Carmen Fernández Morante
Mª Carmen Fernández Morante

A profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Mª Carmen Fernández Morante acaba de ser elixida decana da Facultade de Ciencias da Educación, nun proceso electoral ao que tamén concorreu o profesor Antonio Rodríguez Martínez. Con 76 votos emitidos, a Xunta deste centro outorgou 43 votos á nova decana, 17 a Rodríguez Martínez e outros 16 en branco. No período de catro anos que a profesora Fernández Morante inicia logo da súa elección avoga porque as facultades de Ciencias da Educación, “agora máis que nunca, deben ser referentes na defensa do ensino público e da cultura democrática e favorecer sinerxías con todos os axentes educativos cos que compartimos aspiracións e finalidade”. A recén elixida decana sinala tres claves que poden conducir ao “éxito e á mellora: unha visión común sobre o noso futuro e decidir cara onde imos, un bo clima de traballo e a implicación de todas e todos nas decisións e actividades do centro”. A proxección exterior do centro; a súa visibilidade institucional; o impulso do liderado da USC nas titulacións de Ciencias da Educación no SUG; o apoio aos departamento e unidades administrativas no desenvolvemento das súas funcións; o acompañamento, dinamización e fidelización do alumnado, son algunhas das liñas de actuación que o novo equipo se formula como retos. Para alcanzalos, Carmen Fernández sinala seis compromisos cos que apunta á “lealdade coa institución, coherencia e honradez nas nosas decisións académicas”, apelando ao mesmo tempo polo feito de “todas as persoas somos precisas e non sobra ninguén nin nada do que conforma o noso centro”. Ademais, o novo equipo ofrece “pacto e consenso na toma de decisión que afectan a toda a comunidade educativa e a unidades desta” e información e transparencia, máis concretamente “ claridade e inmediatez para ser eficaces e conformar estratexias xuntos”. Este conxunto de compromisos complétase co estímulo e apoio á iniciativas que xurdan dende o propio centro e “ dedicación, actitude e tempo”. Carmen Fernández Morante Especialista en tecnoloxía educativa, a súa traxectoria profesional está vinculada ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) aplicadas á formación, tema sobre o que ten impartido docencia universitaria e cursos formativos e de innovación docente para profesorado de todos os niveis educativos así como para profesionais da educación. Carmen Fernández Morante foi vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e xefa da sección de Tecnoloxía Educativa do Instituto de Ciencias da Educación. Pertence á Asociación Internacional para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (Edutec) e ao Observatorio Galego de e-learning. Ademais forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e ten participado en numerosas publicacións e proxectos de investigación autonómicos e nacionais en colaboración con outros grupos. Como investigadora principal traballa en diversos proxectos europeos competitivos (e-Hospital, IEPTL, ICTeachers, ICTGoGirls, Rural School Cloud ou Create your future).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.10.2014.