Pasar al contenido principal

O profesor José Manuel García Iglesias recibe este mércores o III Premio Domingo Fontán

O profesor José Manuel García Iglesias recibe este mércores o III Premio Domingo Fontán
O profesor José Manuel García Iglesias recibe este mércores o III Premio Domingo Fontán
No acto do Paraninfo presentaranse as bases da cuarta convocatoria do galardón de investigación histórica

O catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias recollerá este mércores 29 o III Premio de investigación histórica Domingo Fontán que convocan a Universidade e a Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago. O acto será ás 20.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. García Iglesias recibe o premio polo seu traballo ‘Santiago de Compostela: a Universidade e a Real Sociedade Económica de Amigos do País, imaxinando o saber’ no que presenta novidades en campos como a lectura simbólica de espazos e a valoración histórica dalgunhas personaxes á vez que destaca o elemento esencial da filosofía das Sociedades Económicas como é a educación, que pon en relación coa institución que garda a súa esencia, a Universidade. Nesta terceira edición, o xurado fixo ademais unha mención especial ao traballo ‘Tralos pasos de Domingo Fontán’, do xornalista e investigador brasileiro Vitor Hugo Brandalise. Nel presenta un novo enfoque da literatura de Fontán propoñendo novas rutas turísticas en Galicia, apoiadas nos itinerarios seguidos por el para a elaboración do seu mapa. Por outra banda, do traballo destaca a oportunidade de relacionar a tradición histórica de Domingo Fontán co desenvolvemento do territorio. O xurado do III Premio estivo integrado polo ex vicerreitor de Estudantes, Francisco Ramón Durán Villa; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Manuel Monterroso Montero; o director do Departamento de Historia Económica da USC, Xoán Carmona Badia; o presidente da RSEAPS, Juan B. de la Salle Barreiro Pérez; e o secretario da RSEAPS, Fernando Barros Fornos. Cuarta edición O Premio Domingo Fontán, de carácter bianual, ten como obxecto poñer en valor o patrimonio histórico, documental e científico da RSEAPS, polo que os traballos que se presenten deberán centrarse na investigación dos seus fondos patrimoniais e documentais, ou no período histórico e os motivos de creación desta entidade filantrópica fundada en 1784 ao abeiro das ideas da Ilustración. Poden participar nel persoal investigador en formación ou posgraduado. O prazo de recepción de traballos da cuarta convocatoria do galardón, xa en marcha, remata o 30 de setembro de 2015. O galardón está dotado con 2.000 euros, ademais da publicación da obra premiada. Os traballos poderán estar redactados en calquera das catro linguas oficiais do Estado, e o certame está aberto á participación de investigadores de diferentes ámbitos (historia, paleografía, xeografía, arte, arquivística, bibliografía...). O premio recibe o nome de Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866), catedrático de Xeometría, Mecánica e Delineación da Universidade de Santiago, director da Sociedade Económica entre os anos 1860-1861 e autor da Carta Xeométrica de Galicia (1817-1834), o primeiro mapa realizado en España mediante métodos científicos e medicións matemáticas. Fontán foi tamén director do Observatorio Astronómico de Madrid e está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2014.