Pasar al contenido principal

Xosé Ramón Pousa Estévez, elixido novo decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

Xosé Ramón Pousa Estévez. Foto Servimav: USC
Xosé Ramón Pousa Estévez. Foto Servimav: USC
Antía López Gómez, Francisco Campos Freire, en calidade de vicedecanos, e Marcelo Martínez, como secretario, completan o equipo de goberno de Pousa Estévez

O profesor do Departamento de Ciencias da Comunicación Xosé Ramón Pousa Estévez vén de ser elixido este venres novo decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, trala celebración dunha Xunta de Facultade na que a súa candidatura, a única presentada, obtivo 18 votos a favor, dous en contra e catro abstencións.

Os profesores Antía López Gómez e Francisco Campos Freire, en calidade de vice decanos, e Marcelo Martínez Hermida, como secretario, completan o novo equipo decanal liderado por Pousa Estévez. A formación integral do estudantado de Comunicación Audiovisual e Xornalismo e a implementación de accións que favorezan a súa integración profesional son dous dos obxectivos capitais do novo equipo de goberno da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que tamén avoga por fomentar a participación do alumnado en todos os sectores e órganos do centro universitario, ademais de por fornecer a relación cos medios de comunicación e revitalizar así as bolsas de prácticas.

A mellora da comunicación interna e externa da Facultade de Ciencias da Comunicación e a renovación e actualización da súa páxina web son outros dos compromisos do novo equipo decanal, que amosa sensibilidade e preocupación pola diminución do cadro de docentes e polo recorte de investimentos e recursos financeiros, imprescindibles para a incorporación de novas tecnoloxías a laboratorios de prácticas e para a conservación do propio edificio e a modernización da mediateca da facultade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2014.