O proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco...’ botará este sábado o peche ao programa de actividades deste curso

O proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco...’ botará o peche ao programa de actividades previsto para este curso o sábado 29 cunha sesión informativa dentro do proxecto ‘Espazo ciencia’ que comezará ás 17.00 horas na praza 8 de marzo. É unha actividade destinada principalmente a familias na que se analizará como afecta o cambio climático e que pode facer a cidadanía para enfrontalo colectivamente.
Durante o presente curso, o proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco…’ contou co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dentro da liña de axudas destinadas a proxectos de adaptación ao cambio climático. Dende o pasado mes de xaneiro, nun traballo desenvolvido en paralelo coa Fundación Cristina Enea do concello de San Sebastián/Donostia, traballouse con oito grupos en Santiago (Vite, Santa Marta, A Rocha, Sar, Lavacolla, Busto e Bornais -2-) e 3 en San Sebastián (Altza, Egia e Ategorrieta). A través de varias sesións de traballo, os grupos, compostos fundamentalmente por mulleres da terceira idade, analizaron as causas e consecuencias do cambio climático e tamén que podían facer elas para enfrontalo.
Destas sesións xurdiron varias actividades abertas aos seus respectivos barrios: obradoiros de elaboración de pan, cosmética natural, plantas medicinais ou a elaboración dun mural como o de A Rocha, no que destacar a importancia da comunidade. As conclusións do traballo desenvolvido neste curso serán trasladadas ás distintas administracións para valorar a súa continuidade e extensión a outros concellos. Así mesmo, o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC, quen deseñou o proxecto e foi o encargado da coordinación pedagóxica do mesmo, presentará nas próximas semanas as conclusións do proceso de investigación levado a cabo en paralelo ás actividades.