Pasar al contenido principal

Eliska Farkova gaña o II Premio Rafael Crecente cun proxecto de valorización do patrimonio etnográfico vitivinícola de Valdeorras

Eliska Farkova
Eliska Farkova
Valcárcel e Miranda entregaron á enxeñeira checa o galardón creado polo Ibader e o LaboraTE da USC no marco dunha cerimonia celebrada na Casa do Saber de Lugo
Lugo

A enxeñeira de Paisaxe pola Universidade de Praga e máster en Xestión Sustentanble da Terra e do Territorio pola USC, Eliska Farkova, vén de gañar o II Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón promovido polo Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC xunto co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) en memoria do finado Rafael Crecente Maseda e como recoñecemento ao traballo desenvolvido por este investigador e profesor da USC a prol da xestión e da conservación do territorio.

A enxeñeira e investigadora checa Eliska Farkova, quen reside en Lugo desde que recalou no campus en 2012 a través do programa Erasmus para cursar o máster Terra na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, acadou o II Premio Rafael Crecente, un certame que conta cunha dotación económica de 2.000 euros para a candidatura gañadora e que ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible, co proxecto ‘A Cova’.

A iniciativa presentada a concurso por Farkova leva por título ‘A Cova’ e trátase dunha proposta que está orientada á valorización do patrimonio etnográfico relacionado coa viticultura e o mundo do viño na comarca de Valdeorras, e a súa utilización como ferramenta de dinamización económica, social e cultural.

A idea é sinxela, pero non por eso pouco ambiciosa, xa que o obxectivo e converter unha cova nunha adega aberta ao público ou no que tamén podería entenderse como unha sorte de museo do viño. A iniciativa proposta por Farkova está localizada na comarca de Valdeorras, onde hai unha sorte de cavidades ou covas incrustadas na terra. Moitas familias seguen a usar estas dependencias para cometidos diversos, pero outras están abandonadas. Daquela, Farkova propón aproveitar un destes espazos sen uso para producir o viño producido da uva colleitada nas vides da familia e logo ofrecelo ao público nun espazo singular e que ben podería convertese nun espazo museo arredor da cultura do vitivinícola da comarca.

Cerimonia de entrega

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o director do Ibader, Pablo Ramil Rego, e o coordinador do LaboraTe da USC, David Miranda, participaron este xoves na cerimonia de entrega do II Premio Rafael Crecente, un emotivo e concorrido acto celebrado na Casa do Saber de Lugo, no marco do que o profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández, ofreceu o relatorio ‘Agroecólogos unidos pola xustiza territorial’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.01.2020.