Medicina celebra a semana do seu patrón San Lucas con numerosas actividades
A Facultade de Medicina e Odontoloxía celebra durante toda esta semana o seu patrón con varias actividades académicas que rematarán o venres 17 coa conmemoración do acto central. Os eventos comezarán este martes 14 coa presentación, ás 13.00 horas na Sala de Graos da Facultade, do libro Fuentes documentales y recursos docentes en Odontopediatría y Ortodoncia, do que son autores Xosé Antón Regos Varela, Jacobo Limeres Pose, Juan Seoane Romero e Marcio Diniz Freitas. Intervirán o decano da facultade, Juan J. Gestal Otero; Miguel Facal García, PACS de Odontopediatría; e o xefe da Biblioteca de Medicina e Enfermaría, Xose Antón Regos. O mércores 15 presentarase outro libro, esta vez da autoría do doutor Avelino Franco Grande, que leva por título La medicina compostelana. 1847-1950. Retazos históricos. Será ás 19.30 horas na mesma Sala de Graos. Ademais do autor, participan o decano Juan Gestal e o historiador Ricardo Gurriarán. Patrón de Medicina A semana rematará coa celebración do propio día do patrón o venres 17, dedicado a conmemorar o 125 Aniversario de Francisco Asorey (1889-1961), escultor anatómico da Facultade. Ás 11:30 horas procederase a inaugurar a nova Aula de Microscopía de Anatomía Patolóxica e a continuación terá lugar un acto académico no que o profesor Javier Jorge Barreiro, catedrático de Anatomía, pronunciará a donferencia ‘Asorey e a Facultade de Medicina’. Ao remate, no Claustro baixo da Facultade, descubrirase un monumento conmemorativo, obra de Cándido Pazos.