Pasar al contenido principal

O rol biolóxico dos metais e o seu uso en fármacos e aplicacións saudables, a debate do 30 de xuño ao 3 de xullo en ‘BioLugo2019’

Santos, Valcárcel, Méndez, Fernández e Maneiro, na presentación de 'BioLugo 2019', na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Santos, Valcárcel, Méndez, Fernández e Maneiro, na presentación de 'BioLugo 2019', na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
A XI Reunión de Bioinorgánica citará na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo a preto dun centenar de científicos de prestixio internacional
Lugo

O rol biolóxico dos metais e a súa utilidade para desenvolver novos fármacos ou aplicacións en procesos de catálise como análogos de enzimas, serán temas de análise e debate no marco da XI Reunión Científica de Bioinorgánica ‘BioLugo2019’, un congreso que se desenvolverá do 30 de xuño ao 3 de xullo na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, e no que se agarda a participación dun centenar de científicos de recoñecido prestixio internacional.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presentou este mércores o congreso ‘BioLugo2019’, un foro de periodicidade bienal que recala por vez primeira en Lugo grazas á implicación na súa organización do grupo de investigación Suprabioin da USC, coordinado polo profesor Marcelino Maneiro e con sede na Facultade de Ciencias, e cuxa celebración permite dar continuidade ás reunións científicas promovidas tamén pola Asociación de Química Bioinorgánica (Aebin) en Bilbao (2017) e Cádiz (2015).

Os organizadores de ‘BioLugo2019’ salientan o carácter interdisciplinar dos investigadores que se darán cita neste congreso, no que se agarda a participación de científicos de recoñecido prestixio internacional en diversas áreas, tales como o son química, bioloxía, medicina, ciencia dos materiais ou, entre outras, farmacia. Daquela, no cadro de relatores convidados a participar como poñentes neste foro cómpre citar á tantas veces galardoada María Concepción Gimeno, profesora e investigadora do Instituto de Síntese Química e Catálise Homoxénea (ISQCH) do CSIC-Universidad de Zaragoza e Iupac Distinguished Women in Chemistry en 2017.

O ex presidente da Asociación de Química Bioinorgánica Manuel G. Basallote, o líder do laboratorio de Nanomateriais para Conversión e Almacenaxe de Enerxía, o doutor Lifeng Liu; o profesor Miquel Costas (UdG), Santiago Gómez-Ruiz (URJC), Sara Rojas (IMDEA Energy), Miguel Galindo (UGR) ou, entre outros, Gotzone Barandika (UPV/EHU), tamén forman parte do cadro de relatores que intervirá nas diversas sesión programadas ao abeiro de XI Reunión Científica de Bioinorgánica.

A profesora e investigadora da Universidade do País Vasco Gotzone Barandika ofrecerá no marco deste foro científica unha conferencia invitada e aberta a todo o público interesado baixo o título ‘Nobeles profundamente bioinorgánicos… ¿existen?’. Este relatorio de carácter interdisciplinar pretende servir tamén para conmemorar a celebración do 150 aniversario da Táboa Periódica, razón pola que a Unesco vén de declarar 2019 como Ano Internacional da Química.

‘BioLugo2019’ servirá tamén de escenario para a presentación dun número especial da revista ‘ Journal of Inorganic Biochemistry’ co tema ‘Celebrating Bioinorganic Chemistry Research Networks in Spai’. A presentación deste número cobra singular trascendencia, dado que o Grao de Bioquímica será unha titulación que implantará a USC na Facultade de Ciencias do campus de Lugo para o curso 2020-2021.

A revista ‘Journal of Inorganic Biochemistry’ é unha publicación de referencia científica mundial situada no primeiro cuartil dos índices de impacto, que nesta ocasión dedica un número especial á investigación ao redor das redes de química bioinorgánica de España, un campo de traballo no que se atopa a rede de investigación de ións metálicos en sistemas biolóxicos, MetalBIO, coordinada tamén desde o campus de Lugo, segundo se puxo de manifesto na presentación de ‘ BioLugo2019’, unha sesión na que tamén participaron a catedrática da USC e membro do comité organizador do congreso, Isabel Fernández García; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e o deputado provincial Álvaro Santos Ramos.

Workshop da Rede MetalBIO

A XI Reunión Científica de Bioinorgánica ‘BioLugo 2019’, un congreso que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Caixa Rural Galega, Foresa Technologies, Leboriz, Abanca, Torre de Núñez e SUL, terá como epílogo un workshop promovido pola Rede MetalBIO.

Esta actividade satélite de ‘BioLugo2019’ desenvolverase ao longo da xornada do 3 de xullo baixo o título ‘Metals in Therapy and Diagnosis’ estará centrada na posta en común en no debate das últimas investigación e nos avances recentes no campo de fármacos e ferramentas de diagnóstico baseadas en sistemas que incorporan metais. Este evento contará coa participación, entre outros, do profesor do IST da Universidade de Lisboa António Paulo Rocha, e do doutor Anxo Fernández-Ferreiro, do IDIS-Sergas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.01.2020.