Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC avanza na identificación dun novo mecanismo para a diagnose e o tratamento médico do cancro

A investigadora do Departamento de Fisioloxía da USC Marta Tojo publicou xunto con outros autores un artigo no número de agosto da revista Science no que se conclúe que solo 74, de entre medio millón de elementos transpoñibles de tipo LINE-1 que ten o xenoma humano, son capaces de moverse nos xenomas do cancro. A importancia deste achado radica en que agora xa se coñece con exactitude onde están localizados os elementos LINE-1 que poden mudar o xenoma do cancro, porque estes 74 elementos ocupan posicións concretas, agora coñecidas, dentro do noso xenoma, segundo indica Tojo. Os elementos transpoñibles son parásitos de ADN que viven no xenoma humana, onde se contan por millóns e chegan a conformar o 50% do mesmo. Son semellantes aos virus no que atinxe á súa estrutura e comportamento e dispoñen dunha maquinaria propia que lles permite moverse polo xenoma humano orixinando mutacións nos novos lugares nos que se integran, explica Tojo. A investigación desenvolvida ao abeiro deste proxecto permitiu a análise da mobilidade de elementos LINE-1 en 300 xenomas pertencentes a 12 tipos diferentes de cancro, un estudo no que se aprecia que a transdución de secuencias de ADN mediada por elementos LINE-1 é bastante frecuente, sobre todo nos casos de cancro de pulmón e de colon. Ante tales evidencias, os investigadores apuntan como motivo de que este mecanismo non se descubrira antes ao feito de fora clasificado de xeito erróneo noutro tipo de mutacións chamado translocacións. Marta Tojo, que traballa no grupo de investigación do Departamento de Fisioloxía da USC que coordina Rubén Nogueira, subliña asemade que a transdución de secuencias desenvolvidas por elementos LINE-1 pode, en ocasións, mediar a mobilización de xenes localizados nos arredores de LINE-1. A mobilización de xenes por transdución pode ter uns efectos moi importantes na evolución do cancro, porque varía a estrutura e o número normal de xenes do xenoma e, como consecuencia, muda tamén a expresión normal dos devanditos xenes. Esta realidade converte a transdución nun mecanismo novo no cancro con moito interese para a diagnose e o tratamento médico do cancro, sinala esta investigadora da USC, quen engade que, en ocasións, durante a súa mobilización os elementos transpoñibles poden arrastrar secuencias de ADN localizadas na súa contorna ou incluso ata xenes completos. Respecto da transdución de secuencias, Tojo sinala que é un mecanismo pouco frecuente, do que se ben xa se coñecía que pode ocorrer de forma artificial en cultivos celulares, sábese moi pouco do seu impacto natural no xenoma humano.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2014.