Pasar al contenido principal

Os premios á Calidade Lingüística xa teñen gañadores na modalidade de traballos académicos

O xurado dos premios á Calidade Lingüística na modalidade de traballos académicos correspondentes ao curso 2013-2014 acaba de facer público o seu ditame. Cunha dotación de 150 euros e diploma acreditativo, resultaron premiados os traballos ‘Os concursos morfolóxicos de vacas e o estres’ de Roi e Águeda Capón Fernández, de 3º curso de Veterinaria, na Área de Ciencias da Saúde; ‘Motores de combustión interna: ciclos’, dos estudantes de 2º de Enxeñaría Química Alberto Liñarez Lamas e Óscar López Gestoso, na Área de Enxeñaría; ‘Reacción social e política ante o desastre medioambiental do Prestige’ do alumno de 4º grao de Historia David Vale Díaz, na área de Humanidades; e, de xeito ex-aequo na área de Ciencias Sociais e Xurídicas, ‘A necesidade de lexislación e códigos para actividade e uso de redes sociais: dereitos e responsabilidades dos usuarios e provededores de rrss’ de Lara Lozano Aguiar (4º grao de Xornalismo) e ‘Como evoluciona a presenza do cine europeo en Turquía nos últimos anos?’ de Noelia María Muíño González (4º do grao en Comunicación Audiovisual). A área de Ciencias quedou deserta. A partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, os Premios á calidade lingüística buscan fomentar unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. Integraron o xurado desta edición dos premios o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL), Manuel Núñez Singala; os técnicos do SNL Justo A. Rodríguez Río, Manuel Bermúdez Blanco e Isabel Vaquero Quintela; e a técnica do Servizo de Normalización do Concello de Santiago, Socorro García Conde. Ao longo deste trimestre coñeceranse as resolucións dos premios correspondentes ás modalidades de traballo de fin de grao, proxectos de fin de carreira, así como traballos de fin de mestrado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2014.