O Nobel de Química en 2016 Ben Feringa visita a USC a vindeira semana
O científico neerlandés Ben Feringa, Premio Nobel de Química concedido en 2016 polo deseño e síntese de máquinas moleculares, estará en Compostela a vindeira semana para participar nunha visita institucional convidado polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e o programa ConCiencia, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
O programa do catedrático de Química na Universidade de Groningen comezará o martes 7 cunha rolda de prensa ás 11.00 horas no Salón Reitoral de San Xerome. A xornada proseguirá pola tarde cun encontro con estudantes de bacharelato de distintos institutos de Galicia. O acto, ‘A arte de construír en pequeno: charlando cun Premio Nobel’, terá lugar ás 16.30 horas no CiQUS, un centro co que o laureado químico mantén unha estreita relación desde hai anos; non en balde, mesmo antes de ser recoñecido pola Academia Sueca ata tres investigadores principais realizaron estancias posdoutorais no seu laboratorio.
Os actos centrais da visita terán lugar o mércores 8. Nunha cerimonia matinal apadriñada polo profesor da USC e director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, será investido doutor honoris causa xunto co profesor Nicholas A. Peppas. Xa pola tarde, ás 19:00 horas no Auditorio ABANCA (Preguntoiro, 23), impartirá a conferencia aberta ao público ‘The joy of discovery’ (‘O gozo do descubrimento’) enmarcada no Programa Conciencia que dirixe o profesor Jorge Mira e na que actuará como padriño un dos seus antigos colaboradores, o profesor da USC e investigador principal do CiQUS Diego Peña.
Ben Feringa Ben Feringa (Barger-Compascuum, Países Baixos – 1951) estudou na Universidade de Groningen (Países Baixos), onde recibiu o seu doutoramento en 1978 e seis anos máis tarde comezou a traballar, logo dun paréntese laboral na compañía petroleira Shell. Hoxe é catedrático de Química nesa universidade.
Feringa é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. O profesor Feringa demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares.
O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos macroscópicos. Tamén deseñou un ‘nanocoche’, isto é, un composto nanométrico que contén catro motores moleculares coma rodas e que se pode mover sobre unha superficie ao ser sometido a un estímulo externo.