Pasar al contenido principal

O grupo de investigación Game-Idega da USC organiza os días 15 e 16 un obradoiro internacional do proxecto Imagen

O grupo de investigación económica Game-Idega organizará os vindeiros luns15 e martes 16 na Facultade de Relacións Laborais de Santiago o segundo obradoiro internacional relacionado co proxecto ‘Consecuencias macroeconómicas da discriminación de xénero’, que conta con financiamento do Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

O programa deste evento inclúe a participación de investigadores de recoñecido prestixio no campo da discriminación de xénero. Destaca entre eles a presenza de Ronald L. Oaxaca, da Universidade de Arizona, creador do procedemento estatístico coñecido como “descomposición de Oaxaca”, utilizado para determinar a parte do diferencial salarial que pode ser atribuída ao efecto da discriminación tanto na literatura académica como nos tribunais de xustiza. O profesor Oaxaca foi identificado pola revista Hispanic Business como un dos cen hispanos máis influíntes nos EE.UU. O proxecto Imagen (Impacto Macroeconómico da Discriminación de Xénero) nace como unha rede de investigación sobre os efectos da discriminación por xénero no desenvolvemento e o crecemento económicos. É dicir, o proxecto ten como obxectivo analizar as consecuencias da discriminación para o conxunto da sociedade, e non só para a muller discriminada individualmente. Neste obradoiro presentaranse traballos que miden e analizan o impacto da discriminación de xénero sobre a acumulación de capital social, o acceso aos traballos mellor remunerados, a desigualdade salarial ou os servizos de atención preescolar, entre outros aspectos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.09.2014.