O reparto de competencias locais no contexto da Unión Europea abordouse nun seminario na USC
O conflito entre o principio de sustentabilidade e o de subsidiariedade nas entidades locais da Unión Europea foi o tema de debate no seminario ‘As competencias dos poderes locais na Unión Europea á luz do principio de subsidiariedade’ que se celebrou este venres 25 na Facultade de Dereito, organizado polo Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC e no que participaron profesores das universidades de Santiago, París, Castela a Mancha e Vigo. O reitor Juan Casares inaugurou a xornada xunto co director do CEDE e profesor de Dereito Internacional e Público, Carlos Teijo; o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez; e o presidente da FEGAMP, D. José Manuel Rey Varela. Durante a mañá Jean-Bernard Auby, titular da cátedra ‘Mutations de l´Action Publique et du Droit Public’ de Sciences Po en París e presidente de honra de l’Association Francaise de Droit des Collectivités Locales, falou sobre a distribución das competencias entre os distintos niveis de goberno na Unión Europea dende a óptica dos poderes locais e defendeu a necesidade de ponderación entre o principio de subsidiariedade e o principio de sustentabilidade. Ao remate da súa intervención, realizouse un coloquio que contou coa participación dos asistentes. Celebrouse tamén unha mesa redonda na que se debateu sobre as competencias dos entes locais segundo a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración local na que participaron un representante da FEGAMP, a profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira e a profesora de Dereito Administrativo da UVigo Mª Antonia Arias Martínez. O debate estivo moderado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Castela a Mancha e coordinador da Rede Internacional de Dereito Europeo, Isaac Martín Delgado. O Centro de Estudos e Documentación Europea da USC organiza esta actividade en colaboración coa FEGAMP dirixida ao persoal das entidades locais e público en xeral coa intención de profundar nalgunhas das implicacións prácticas máis relevantes do proceso de integración europeo. Esta iniciativa enmárcase na programación do primeiro semestre de 2014. O CEDE organiza a xornada para profundar sobre o conflicto en competencias locais. Foto: Santi Alvite