Pasar al contenido principal

O grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos desenvolve a primeira ecoetiqueta mundial que informa da pegada ecolóxica e da taxa de retorno enerxético de produtos pesqueiros

Detalle da etiqueta que poderán consultar no futuro o/a consumidor/a final
Detalle da etiqueta que poderán consultar no futuro o/a consumidor/a final
‘pescaenverde’ informará ao consumidor final sobre o impacto dos produtos pesqueiros no medio ambiente

pescaenverde’ é unha ecoetiqueta desenvolvida polo grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC que achegará información ao consumidor sobre o impacto dos produtos pesqueiros no medio ambiente. Rexistrada pola USC como marca de garantía na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), ‘pescaenverde’ achega un valor engadido aos produtos que incorporan esta marca, favorecendo a súa venda no mercado actual. Esta ecoetiqueta ten en conta o ciclo de vida da actividade pesqueira e é a primeira marca mundial que recolle o cumprimento de dous índices ambientais como son o de pegado de carbono e a taxa de retorno enerxético. Mentres o primeiro alude á cantidade de gases de efectos invernadoiro producidos no proceso de captura do peixe, a taxa refírese ao cociente entre a enerxía proteica que proporciona o peixe e a enerxía consumida durante o proceso de captura. O grupo de investigación, a través de distintos proxectos de investigación, desenvolveu un software que permite calcular de xeito sinxelo tanto a pegada de carbono como a taxa de retorno enerxético e será empregado para validar os datos introducidos polos armadores de xeito que determinará se os produtos cumpren os criterios establecidos de sustentabilidade para a concesión do uso da marca ‘pescaenverde’. As principais características de ‘pescaenverde’ presentáronas este martes 16 nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño, a quen acompañaron o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijóo; o xefe da División de Medio Ambiente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana Lagarón; o xefe do departamento de I+D+i da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, Jorge Romón; e a directora de Seguridade Industrial e Medio Ambiente de Bureau Veritas para Galicia, Estefanía Ibarra Castaño. Como explicaron os seus promotores na presentación, esta marca poderá empregarse naqueles produtos que teñan unha pegada de carbono inferior a un determinado valor e unha taxa de retorno enerxético maior que un certo valor. Na súa opinión, proporcionará información adicional ao consumidor de xeito que poida integrar nos seus criterios de compra a incidencia que o proceso de captura ten no ecosistema e optar por mercar aqueles produtos que inclúan a marca de garantía ‘pescaenverde’. Neste senso, o profesor Gumersindo Feijoo adiantou que o peixe é candidato a ter unha taxa de reposición alta, comparada con outros alimentos. O novo identificador está considerado como marca de garantía ao dispor dun regulamento de uso e un procedemento de funcionamento claro. Na actualidade, a súa implantación estase a desenvolver no porto de Vigo, pero atópase en disposición de ampliarse a outras localizacións que desexen participar desta iniciativa. De esquerda a dereita, Jorge Romón, Gumersindo Feijóo, Juan Viaño, Carlos Botana e Estefanía Ibarra. Foto: Servimav USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2014.