O campus de Lugo acollerá do 23 ao 27 de xuño o II Campus de Verán Científico Técnico, dirixido a estudantes preuniversitarios
O campus universitario de Lugo acubillará do 23 ao 27 de xuño a segunda edición do Campus de Verán Científico Técnico, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación e a través do que se pretende achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos e servizos da USC e as investigacións desenvolvidas na sede luguesa, a estudantes de ensino secundaria e bacharelato a través dun ameno programa de aprendizaxe e convivencia que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño de 2014 e para o que se ofertan un total de 90 prazas.
Unha das novidades do II Campus de Verán Científico Técnico Lugo, unha iniciativa que o pasado ano non puido atender o elevado número de solicitudes rexistradas, vén dada pola oferta de servizo de aloxamento en Lugo, unha alternativa aberta a todos/as os/as interesados/as, pero pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia, tal e como se puxo de manifesto este luns na presentación do programa, no que colaboran uns 80 docentes. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e a profesora da USC e coordinadora do II Campus de Verán Científico Técnico Lugo, Mercedes Novo Rodríguez, presentaron as novidades e a programación de actividades deseñadas no marco desta iniciativa impulsada inicialmente por docentes das facultades de Veterinaria e Ciencias e da Escola Politécnica Superior, pero á que logo se sumaron os restantes centros universitarios do campus lugués. Esta nova edición do Campus de Verán Científico Técnico Lugo mantén os mesmos obxectivos cos que naceu e que pasan por divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo. Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de talleres e o desenvolvemento de proxectos científicos e técnicos que teñan como protagonistas aos estudantes de ESO e Bacharelato. Fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como por aquelas outras do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no campus lugués, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios/as poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son outros dos obxectivos deste programa, segundo lembrou a profesora Mercedes Novo Rodríguez. A coordinadora do II Campus de Verán Científico Técnico Lugo aproveito a presentación desta segunda edición do programa para agradecer publicamente a colaboración recibida da Deputación e do Concello de Lugo, así como de educaBarrié a aportación da Fundación Barrié para a comunidade educativa. Programa, escenarios e actividades As distintas actividades incluídas no II Campus de Verán Científico Técnico Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas e técnicas do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 20 propostas. Ofrécense ademais un “Quest” en inglés, un espectáculo científico, un encontro con ex alumnos/as, unha festa de despedida e algunha sorpresa máis. Nesta nova edición como principal novidade, e co fin de favorecer a asistencia de alumnado de fóra de Lugo, ofértase un programa de aloxamento entre o 22-28 de xuño no Albergue Lug2 organizado pola A.D.C. Lumieira Lugo. Inscrición e matrícula O prazo de inscrición estará aberto entre o 28 de abril e o 11 de maio a través da páxina web www.usc.es/gl/cursos/campcientec , un enderezo electrónico no que tamén poderán atopar toda a información relativa ao desenvolvemento do campus. Os candidatos/as admitidos/as serán informados por e-mail coas indicacións para realizar a matrícula entre o 15-21 de maio. A matrícula no Campus (sen aloxamento) ten un prezo de 40 E e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus, e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela. O Campus (con aloxamento) custa 120 E e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo no albergue Lug2, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo. Proxectos científicos e técnicos a desenvolver O estudantado que tome parte no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos e técnicos que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas desde a Facultade de Veterinaria levan por título Prácticas de veterinaria clínica; Animal CSI, realidade ou ficción?; As análises clínicas como forma de saber o estado de saúde dos animais; Separación de proteínas mediante electroforese; Animais diminutos nas praias galegas: a vida entre os grans de area; Inseminación artificial en veterinaria e Unha cebra na auga. A multiplicación de árbores por cultivo in vitro, A importancia de saber por onde pisas, onde constrúes, A modelaxe 3D e medicións mediante fotogrametría, A auga que levan os ríos sempre está cambiando, como medila?, A enerxía do futuro: simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas e Medición e valoración de arboredo constitúen as propostas científicas que ofrece a Escola Politécnica. Un abano de proxectos non menos atractivo é o deseñado polo profesorado da Facultade de Ciencias, que desenvolverá seis experiencias científicas e técnicas que levan por título Química computacional, a química no teu ordenador; A cor: pigmentos naturais; Sulfato de cobre: preparación dun funxicida ecolóxico e protección de ferro por cementación; Produción de electricidade cunha froita; Do laboratorio á cociña e Luz, cor e fluorescencia.
Outra das novidades que presenta o programa este ano atinxe á oferta de proxectos nos que a ciencia convive coas humanidades e a creación artística. Así, desde a Facultade de Humanidades propóñense os proxectos Os científicos das letras: ‘Elemental, querido Watson’ o programa en inglés ‘English, Science and Fun’ ou un obradoiro de introdución á fotografía científica que se desenvolverá na Facultade de Veterinaria baixo o título ‘Fai as túas fotos e mellóraas!’.