Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria
O Consello do Estudantado organiza en colaboracións coas asociacións rexistradas na USC unhas xornadas que promoven unha participación activa, responsable e formada na comunidade universitaria da USC, e que polo tanto facilitan ao estudantado a información necesaria para o exercicio da súa participación, e constitúen un espazo de debate e intercambio de saberes para acadar unha participación do estudantado activa.
Actividades culturais
O estudantado pode ser tamén "prosumidor" da cultura, por iso cremos que o Consello do Estudantado debe fomentar, participar e colaborar na elaboración das distintas programacións culturais da nosa universidade e porque non, facer as súas propias.
Por iso, o Consello do Estudantado colabora coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e coa Área Deportiva da USC na convocatoria de axudas para o desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural nos centros.
Máis información: https://www.usc.gal/gl/servizos/area/cultura/axudas/convocatorias
Dentro deste marco levamos a cabo o “Polavila pola Terra” celebrado con motivo do Día da Terra no Campus de Lugo recuperando espazos infrautilizados e ofrecendo unha alternativa de ocio á comunidade universitaria, algo que tamén foi unha oportunidade para achegar e fomentar a cultura tradicional galega ao estudantado.
Na mesma liña, participamos nas xornadas de benvida cunha “Foliada de benvida” organizada en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e a área de danza de Lugo. Unha actividade na que o estudantado tivo a oportunidade de coñecer dende o inicio de curso un ocio diferente e valioso, unha alternativa de consumo cultural e de interacción coa cidade. Nas mesmas xornadas participamos nun roteiro polo Campus de Lugo e organizamos un en Santiago.