Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Centro Facultade de Xeografía e Historia
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Sen docencia (En extinción)
Matrícula: Non matriculable (Só plans en extinción)
A rexión constitúe un concepto central da Xeografía. Falamos de rexións en cada abordaxe e/ou mediante cada escala pola que optemos, denomínense estas barrios, biomas, comarcas, concellos, continentes, países, rexións consideradas como tales dentro do sistema político-administrativo dun país dado ou unidades ambientais e paisaxísticas, por mencionar só unha escolma. En efecto, Haggett (1990) escribiu que «pedirlle a un xeógrafo por que estuda a rexión é como preguntarlle a un cristián o motivo polo que le o Evanxeo». Velaquí o primeiro obxectivo da materia: comprender o(s) significado(s) de rexión desde múltiples perspectivas xeográficas.
En liña co anterior, a materia proponse achegar as chaves de historia do pensamento xeográfico para dar correlacionada a evolución da disciplina coa do concepto que nos ocupa. Resulta imposíbel desligar a rexión en Xeografía da súa traxectoria de tres milenios de pasado -nos primeiros momentos dese longo lapso nace, de feito, o proprio vocábulo-, aínda que interese máis fixar a atención na historia dos últimos dous séculos e medio, cando se conforma a disciplina como tal. Neste segundo obxectivo cobra especial relevancia a reformulación conceptual acontecida desde a década de 1970. Tamén se porá o fincapé na liña de reflexión que defende sostidamente que a aproximación rexional permite axuntar as abordaxes xeográficas centradas na perspectiva físico-ambiental-natural, dunha banda, e as que o fan na humano-socio-cultural, da outra.
Finalmente, un terceiro obxectivo persegue determinar algunhas das dimensións aplicadas da rexión, das que escollemos dúas. A primeira ten que ver coas políticas territoriais (integradas e/ou sectoriais), que requiren de rexións -ás veces denominadas zonas, sectores, ámbitos ou outras expresións concomitantes- para a súa implantación; a segunda, co campo das divisións territoriais político-administrativas mediante as que se estruturan os Estados.
De acordo coa memoria oficial vixente do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio, os contidos son os seguintes:
- As distintas tradicións xeográficas
- O concepto de rexión e a súa evolución en Xeografía
- Os conceptos chave da Xeografía
Estes contidos desenvolveranse nos seguintes temas:
1. Introdución ao Xeografía. Un mundo de rexións. A escala xeográfica
2. A tradición rexional en Xeografía: antecedentes, apoxeo e crise
3. As Novas Xeografías Rexionais
4. Sistemática de tipos de rexións
5. Rexión e Ordenación do Territorio
6. Rexión e organización territorial
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
- García Álvarez, J. (2006): «Geografía regional», en Hiernaux, D. & Lindón, A. (dirs.): Tratado de Geografía Humana. Iztapalapa/Rubí: Universidad Autónoma Metropolitana/Anthropos, pp. 25-70.
- Holt-Jensen, A. (1988): Geography: History and Concepts. A Student’s Guide. London: Paul Chapman. [Trad. esp.: Holt-Jensen, A. (1992): Geografía. Historia y conceptos. Barcelona: Vicens Vives.]
- Lewis, M. W. & Wigen, K. E. (1997): The Myth of Continents. A Critique of Metageography. Berkeley: University of California Press.
- Murphy, A. B. (2018): Geography. Why It Matters. Cambridge: Polity Press. [Trad. esp.: Geografía. Por qué importa. Madrid: Alianza.]**
** Lectura aos efectos do estabelecido polo Decanato da Facultade de Xeografía e Historia.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
- Claval, P. (2006): Géographie régionale. De la région au territoire. Paris: Armand Colin.
- Farinós, J. & Olcina, J. (eds./coords.) (2017): Geografía regional de España. Espacio y comunidades. Bases para una regionalización renovada del territorio español. València: Tirant Humanidades.
- Lacoste, Y. (1985 [1ª ed., 1976]): La géographie, ça sert, d’abord, à faire la guerre. Paris: La Découverte.
- Lencioni, S. (2009): Região e Geografia. São Paulo: Universidade de São Paulo.
- Paasi, A.; Harrison, J. & Jones, M. (eds.) (2018): Handbook on the Geographies of Regions and Territories. Cheltenham/Northampton: Edward Elgar.
- Unwin, T. (1992): The Place of Geography. Harlow: Longman. [Trad. esp.: Unwin, T. (1995): El lugar de la geografía. Madrid: Cátedra.]
BÁSICAS E XERAIS
CX1 - Asegurar unha formación xeneralista e de carácter integrado sobre os contidos fundamentais dos diversos ámbitos temáticos da Xeografía, o seu desenvolvemento epistemolóxico e os seus métodos de investigación.
CX2 - Coñecer, comprender e interpretar o territorio.
CX3 - Interrelacionar o medio físico e ambiental coa esfera social e humana.
CX4 - Combinar un enfoque xeneralista cunha análise especializada.
CX5 - Interrelacionar os fenómenos a diferentes escalas territoriais.
CX6 - Explicar a diversidade de lugares, rexións e localizacións.
CX7 - Comprender as relacións espaciais. Valorar os aspectos culturais na súa interpretación.
CX8 - Analizar e interpretar as paisaxes.
CX9 - Xerar sensibilidade e interese polos temas territoriais e ambientais.
CB1 - Que o alumnado demostrase posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e adóitase atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
CB2 - Que o alumnado saiba aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúa as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
CB3 - Que o alumnado teña a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
CB4 - Que o alumnado dea transmitido información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
CB5 - Que o alumnado desenvolva aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grao de autonomía.
TRANSVERSAIS
CT1 - Coñecer a historia e pensamento da disciplina xeográfica.
CT2 - Coñecer a diversidade de espazos xeográficos e os aspectos da Xeografía.
CT4 - Combinar as dimensións temporal e espacial na explicación dos procesos socioterritoriais.
CT5 - Relacionar e sintetizar información territorial transversal.
CT8 - Ordenar e sintetizar a información.
CT9 - Expor e transmitir os coñecementos xeográficos.
ESPECÍFICAS
CE1 - Realizar análises integradas do territorio.
CE4 - Expresar información cartograficamente.
CE6 - Realizar análises e propostas de xestión territorial.
CE7 - Realizar análises e propostas de xestión ambiental.
A materia manterá un equilibrio entre dúas abordaxes docentes. Por unha banda, nas aulas de tipo expositivo consideraremos os contidos dos seis grandes bloques previstos, con recurso a actividades tales como aulas invertidas. Por outra banda, nas aulas interactivas desenvolveremos tarefas específicas que permitan traballar as competencias. Unha e outra abordaxes non están disociadas, senón que se complementan ao longo do desenvolvemento da materia.
Contémplase a realización dunha saída de campo obrigatoria destinada a practicarmos a análise xeográfica rexional sobre o terreo. De levarse a cabo, o alumnado deberá realizar unha actividade posterior derivada que será cualificada.
En función da planificación docente e da metodoloxía de ensino-aprendizaxe, a avaliación por competencias desagrégase en tres compoñentes formativas, cos pesos seguintes: aproveitamento das aulas interactivas, 15%; traballo de curso, 25%; e exame, 60%.
O 15% do aproveitamento das aulas interactivas resultará da participación activa do alumnado nesas aulas e mais da actividade posterior derivada da saída de campo, de se producir. En todas as entregas, os plaxios, tanto de autores/as e de Internet coma entre alumnos/as, comportarán suspender; neste punto, será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
O 25% do traballo de curso resultará da elaboración titorizada dun breve texto aplicado sobre unha rexión a calquera escala. Iranse facilitando orientacións a través das aulas interactivas, dedicadas en parte á elaboración de traballos académicos en Xeografía. Como parte da avaliación continua, deberase facer un seguimento ao longo do curso. Os plaxios, tanto de autores/as e de Internet coma entre alumnos/as, comportarán suspender; neste punto, será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
O 60% do exame será presencial para todo o alumnado, na data estabelecida pola Facultade de Xeografía e Historia, con preguntas tipo test e con preguntas curtas relativas ao desenvolvemento da materia, lectura de Murphy (2018) incluída. Nas preguntas tipo test, as respostas equivocadas restarán.
Na primeira oportunidade, a cualificación poderase ver incrementada até nun 10% pola entrega dunha análise xeográfica rexional dun libro, unha película, unha serie, etc., pautada segundo as indicacións que se achegarán oportunamente.
Se a media non resultase nunha cualificación por riba de 5 na primeira oportunidade, pódese afrontar a segunda oportunidade de avaliación. Na segunda oportunidade non se pode producir avaliación continua, polo que as competencias asociadas a esas compoñentes tamén serán obxecto de avaliación mediante un exame consistente en preguntas de razoar.
Para o alumnado coa dispensa concedida, as compoñentes de avaliación continua serán avaliadas mediante un exame presencial equivalente consistente en preguntas de razoar na primeira oportunidade.
Prevese unha saída de campo que, para aquel alumnado sen a dispensa concedida, constitúe unha actividade de ensino-aprendizaxe curricular. Porén, se alguén non puidese asistir, facultarase unha entrega alternativa.
O estabelecido de acordo coa memoria do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio da USC, isto é, 6 ECTS correspondentes a 150 h de traballo global.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Valerià Paül Carril
- Departamento
- Xeografía
- Área
- Análise Xeográfica Rexional
- Teléfono
- 881812705
- Correo electrónico
- v.paul.carril [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
03.06.2025 15:30-18:00 | Grupo de exame | Aula 03 |
09.07.2025 15:30-18:00 | Grupo de exame | Aula 03 |