Este é un Máster interuniversitario que se imparte en colaboración coas universidades da Coruña e Vigo. O seu obxectivo principal é a formación de profesionais especializados na caracterización, conservación e xestión da biodiversidade terrestre, que tras completar os seus estudos poderán incorporarse ao mercado laboral (tanto na administración pública con competencias na materia, como en consultorías ambientais ou a través do autoemprego).
O Máster ten un carácter fundamentalmente práctico co que se pretende que o alumnado domine todas aquelas ferramentas que lles poden ser necesarias no futuro. Esta orientación é nova dentro do sistema universitario español pois, a día de hoxe, non existen outros títulos que a compartan. De forma paralela, a adquisición destes coñecementos pode ser tamén de máxima utilidade para todo o alumnado que teña interese en realizar posteriormente estudos de Doutoramento.