Ir o contido principal

Aberto o prazo para a primeira convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme

Pódese presentar persoal investigador sénior actualmente contratado na Universidade de Santiago de Compostela
Pódese presentar persoal investigador sénior actualmente contratado na Universidade de Santiago de Compostela
Pódese presentar persoal investigador sénior actualmente contratado na Universidade de Santiago de Compostela. As propostas seleccionadas actuarán como embaixadores do consorcio europeo de universidades

A Universidade Europea do Benestar (EUniWell) vén de anunciar a primeira convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme, programa que coordina a Universidade de Santiago. Unha iniciativa dirixida a persoal investigador sénior interesado en asumir un rol de liderado a curto prazo na promoción da misión de EUniWell, tanto dentro como fóra desta alianza europea de universidades.

Esta convocatoria seleccionará nove persoas que actuarán como embaixadoras de EUniWell, co obxectivo de promover o benestar, fomentar a colaboración entre as comunidades académicas e axudar a definir as direccións estratéxicas do consorcio. Neste primeiro chamamento de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme, pódese presentar persoal investigador sénior contratado actualmente na Universidade de Santiago de Compostela ou nalgunha das seguintes institucións tamén membro de EUniWell: Colonia, Constanza, Florencia, Inalco, Linnaeus, Murcia, Nantes ou Semmelweis.

As persoas seleccionadas recibirán un orzamento de ata 15.000 euros para apoiar as súas actividades durante un período de seis meses. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 28 de febreiro ás 17:00 horas e o resultado final anunciarase antes do 30 de abril.

O EUniWell Champions Scheme é un programa coordinado pola USC como parte dos cometidos do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento, e que lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da alianza EUniWell.

Sesión informativa e preguntas frecuentes
Está prevista a realización dunha sesión informativa en liña para presentar a convocatoria e resolver calquera dúbida sobre o proceso de solicitude. A data anunciarase proximamente coa antelación oportuna. As persoas interesadas poden consultar a convocatoria completa na páxina web de EUniWell, onde atoparán tamén un documento de preguntas frecuentes. As consultas poden dirixirse ao enderezo euniwell.wp8 [at] usc.gal (euniwell[dot]wp8[at]usc[dot]gal)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2025.