Ir o contido principal

EUniWell ábrese á implicación da comunidade universitaria para enriquecer o efecto multiplicador da súa estratexia

De esquerda a dereita, Pilar Bermejo, Antonio López, María José López Couso e José María Miranda Boto. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Pilar Bermejo, Antonio López, María José López Couso e José María Miranda Boto. FOTO: Santi Alvite
A Universidade Europea do Benestar presentou en Ciencias Políticas e Sociais a súa folla de ruta para os vindeiros anos e lanza un formulario en liña para recoller as achegas da comunidade da USC ao documento ‘EUniWell 2030: Marco e Preguntas Estratéxicas’
Lugo, Santiago de Compostela

Comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar dos individuos, da comunidade, do medio ambiente e da sociedade no seu conxunto a nivel local, estatal, europeo e internacional son os obxectivos que sustentan a folla de ruta da Universidade Europea para o Benestar -European University for Well-Being (EUniWell) para os próximos anos. A presentación, que este xoves 29 se desenvolveu na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, permitiu dar a coñecer entre a comunidade universitaria compostelá o mapa de traballo deste consorcio, integrado por un total de once institucións, entre as que se atopa a USC.

Para desenvolver a implicación da USC nesta rede, a comunidade universitaria no seu conxunto pode enriquecer o documento ‘EUniWell 2030: Marco e Preguntas Estratéxicas’, no que se recolle a estratexia para a implantación dunha universidade europea centrada no benestar. Trátase dun documento aberto que irá evolucionando coas achegas que a comunidade da USC pode definir respondendo, a través dun formulario en liña, a dez cuestións estratéxicas sobre a implementación dos valores e a misión de EUniWell na Universidade de Santiago de Compostela e en cada un dos ámbitos temáticos do proxecto.

“Esta é unha aposta decidida de cara ao futuro”, afirmou o reitor Antonio López Díaz. “Tiñamos claro dende o principio que a USC debía enmarcarse nun proxecto desta natureza”, engadiu. O reitor realizou un chamamento para que a comunidade universitaria se involucre neste proxecto que xira arredor da idea do benestar dende unha perspectiva transversal, abranguendo dende a saúde ou o medio ambiente, ata a dimensión social do benestar que pasa pola formación da poboación, en xeral, pero tamén do profesorado, en particular. “Todos e todas temos cabida en EUniWell e dende aquí queremos animarvos a que aproveitedes as posibilidades que isto supón”, concluíu Antonio López Díaz.  

Beatrix Busse, directora de Desenvolvemento de EUniWell, insistiu na idea de cooperación como o elemento clave para acadar a transformación e configurar ese ecosistema europeo universitario do benestar. “Queremos prosperar xuntos”, explicou para despois facer fincapé en que o proxecto de EUniWell e o seu concepto do benestar réxese polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

“Un efecto multiplicador”

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, trazou o contexto no que se enmarca EUniWell ao erixirse nunha das medio cento de alianzas europeas que comparten a filosofía común de eliminar as barreiras na aprendizaxe, así como no acceso á educación e no tecido de redes de investigación. Na actualidade, dixo a profesora López Couso, máis de 400 institucións atópanse involucradas neste tipo de consorcios e o horizonte que se persegue é o de acadar, polo menos, 60 alianzas que involucren a medio milleiro de institucións. Na actualidade, a USC é a única universidade do Sistema Universitario de Galicia que se enmarca nun destes consorcios europeos. O que se pretende, continuou a profesora López Couso, “é crear estruturas de cooperación estables e sostibles no tempo”. Deste xeito, acadaranse universidades multicampus, con recursos comúns e redes conxuntas que xerarán “un efecto multiplicador”, dixo. “Queremos atopar un novo modo de medir o que é o benestar máis aló do económico”, engadiu.

Pola súa parte, a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, foi a encargada de presentar un dos doce paquetes de traballo que integran a estratexia de EuniWell. Trátase do paquete número oito, cuxa coordinación corre a cargo da USC, e que pretende “dotar todas as universidades do consorcio dunha axenda e dunhas estruturas de investigación competitivas que nos coloquen como referente no benestar tanto na contorna europea como na contorna mundial”. Preténdese, continuou a profesora Bermejo, “asegurar que o coñecemento que se vai a xerar redunde na calidade de vida e no benestar do individuo, a sociedade e o medio ambiente”. Deste xeito aspírase, a longo prazo, ao establecemento de iniciativas económicas de innovación social nas que podan intervir non só as universidades, senón tamén todos os axentes sociais.

O coordinador institucional de EUniWell na USC, José María Miranda Boto, presentou o que el definiu como a “traxectoria dinámica” de EuniWell e que abarca catro campos: formación, mobilidade; difusión, divulgación e participación cidadá; e investigación, innovación e emprendemento.  A continuación, interviñeron representantes de cada un dos sectores que integran a comunidade universitaria para, finalmente, pechar o acto cunha rolda aberta de intervencións.

Convocatoria aberta

Entre as iniciativas nas que participa a USC no marco da alianza EUniWell está a sexta convocatoria Seed Funding. Calquera membro da comunidade USC pode presentar proxectos innovadores a este programa de financiación que busca que estudantado, profesorado, investigadores e persoal de administración e servizos poidan poñer en marcha, de xeito colaborativo, iniciativas que melloren de xeito diverso e significativo o benestar no mundo académico e na sociedade. A subvención máxima que poderá recibir cada proxecto é de 25.000 euros e o prazo de presentación de propostas pecha o vindeiro 10 de marzo.

A sesión que se desenvolveu este xoves en Compostela é a segunda presentación que se realiza no consorcio logo do acto que tivo lugar no Campus de Lugo o martes 27.  Ademais de con 11 institución socias, EuniWell conta con máis de 120 entidades asociadas, máis de 300.000 estudantes e máis de 41.000 traballadores entre PDI e PTXAS.

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2024.