Ir o contido principal

EUniWell presenta en Lugo e Santiago as posibilidades que ofrece a integración no consorcio europeo do benestar

Imaxe de arquivo dunha actividade impulsada por EUniWell. FOTO: @EUni_Well
Imaxe de arquivo dunha actividade impulsada por EUniWell. FOTO: @EUni_Well
Os actos de presentación desenvolveranse o 27 de febreiro en Administración e Dirección de Empresas e o 29 deste mes en Ciencias Políticas e Sociais
Lugo, Santiago de Compostela

A presentación da European University for Well-Being (EUniWell) – Universidade Europea para o Benestar, o consorcio europeo de universidades no que a USC se integra dende o ano 2023– desenvolverase no Campus de Lugo o martes 27 de febreiro e no Campus de Santiago o xoves 29. Ambas as sesións teñen como obxectivo poñer en coñecemento de toda a comunidade universitaria as posibilidades que ofrece a presenza da Universidade de Santiago de Compostela na alianza EUniWell.

Este consorcio, nado no marco da segunda convocatoria da Iniciativa Universidades Europeas da Comisión Europea e coordinado pola Universidade de Colonia, integra na actualidade once institucións europeas: Birmingham, Colonia, Constanza, Florencia, Inalco, Linnaeus, Murcia, Nantes, Semmelweis e Taras Shevchenko National University de Kiev, ademais da USC. Coa incorporación da universidade galega, EUniWell pasou a estar integrada por 330.000 estudantes e arredor de 41.000 membros procedentes dos respectivos cadros de persoal das institucións que a compoñen. “Queremos facer unha contribución tanxible ao desenvolvemento de EUniWell como unha universidade europea verdadeiramente integrada e de pleno dereito que teña un impacto social significativo dentro da Unión Europea”, afirma o reitor Antonio López.

A incorporación da USC á alianza EUniWell enmárcase na estratexia de internacionalización da institución, coa mirada posta no apoio á innovación e á transferencia e no fomento de novas oportunidades de cooperación e mobilidade dirixidas tanto ao alumnado como ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos. Pola súa temática transversal, baseada no benestar, EUniWell dá cabida a toda a comunidade universitaria. A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, destaca “o poder multiplicador das alianzas europeas, máis aló da suma das capacidades ou potencialidades das universidades socias do consorcio”.

A USC asume así o desafío de contribuír ao desenvolvemento dunha axenda común de investigación e docencia sobre o benestar, coa misión de mellorar o benestar das persoas na sociedade no seu conxunto, a escala local, rexional, europea e mundial. Particularmente, a USC é a universidade responsable do Paquete de Traballo 8, dedicado á investigación, innovación e emprendemento. Entre as iniciativas en desenvolvemento están unha Escola de Posgrado, a creación dun centro de estudos avanzados sobre o benestar e un val de innovación, punto de encontro cos axentes locais para aplicar a innovación.

As dúas presentación institucionais, que estarán abertas ao público, congregarán representantes dos distintos colectivos da USC e das institucións galegas asociadas ao consorcio EUniWell. No acto participan o reitor da USC, Antonio López Díaz, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, e o coordinador institucional de EUniWell na USC, José María Miranda Boto, así como outros membros da comunidade universitaria que compartirán a súa experiencia no contexto da alianza. Os actos de Lugo e Santiago poderán seguirse en liña a través da canle oficial de YouTube da USC.

Convocatoria para proxectos

Entre as iniciativas nas que participa a USC no marco da alianza EUniWell está a sexta convocatoria Seed Funding. Calquera membro da comunidade USC pode presentar proxectos innovadores a este programa de financiación que busca que estudantado, profesorado, investigadores e persoal de administración e servizos poidan poñer en marcha, de xeito colaborativo, iniciativas que melloren de xeito diverso e significativo o benestar no mundo académico e na sociedade. A subvención máxima que poderá recibir cada proxecto é de 25.000 euros e o prazo de presentación de propostas pecha o vindeiro 10 de marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2024.