Ir o contido principal

A USC participou en Colonia na novena Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell

Foto de grupo das reitoras e reitores de EUniWell
Foto de grupo das reitoras e reitores de EUniWell
O encontro tivo lugar na véspera da celebración dos cinco anos da posta en marcha desta Alianza europea de universidades

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, participou en Colonia na novena Asemblea de Reitores e Reitoras da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), que reuniu a reitores/as, vicerreitores/as, estudantado e outros representantes das universidades que integran a Alianza. O reitor estivo acompañado pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; a adxunta para Internacionalización, Belén Méndez Naya; o coordinador institucional de EUniWell, José María Miranda Boto, e un dos representantes da USC no Consello do Estudantado de EUniWell, Carlos Arjona.

Durante o encontro, os reitores e reitoras intercambiaron perspectivas sobre a evolución de EUniWell como unha comunidade colaborativa impulsada pola investigación e que vincula o benestar coa excelencia científica e co impacto social. Tamén se salientaron os logros da Alianza en materia de educación, investigación e innovación a escala europea: “Comezamos cunha idea e hoxe somos unha Universidade Europea para o Benestar, preparada para o seguinte capítulo: EUniWell 2030”, subliñou Beatrix Busse, directora de Desenvolvemento de EUniWell, en referencia ao marco estratéxico do consorcio.

O encontro concluíu cun repaso dos avances e prioridades do consorcio no seu primeiro lustro e coa reafirmación do compromiso das universidades socias coas tres áreas estratéxicas de EUniWell, como é o de converterse na voz do benestar, consolidarse como Universidade Europea e construír comunidades comprometidas co benestar.

Quinto aniversario da Alianza EUniWell

A Asemblea de Reitores e Reitoras tivo lugar na véspera dos eventos conmemorativos do quinto aniversario da Alianza: a conferencia Celebrating Five Years of EUniWell e o FestiWell, centrados na colaboración científica, na educación e na innovación.

Os encontros, que reuniron a máis de douscentos representantes do consorcio e das institucións asociadas, serviron para poñer en valor a contribución da investigación, da educación e do compromiso cívico na construción dun futuro máis sostible e equitativo para o benestar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2025.