Ir o contido principal

Exposición e visitas guiadas

'Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias. O Seminario de Estudos Galegos no Museo de Historia Natural'

Inauguración o 16 de maio

Santiago de Compostela

Co gallo do Centenario do Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Historia Natural da USC inaugura unha nova exposición temporal que afonda no legado destes dous científicos

'Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias. O Seminario de Estudos Galegos no Museo de Historia Natural'
'Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias. O Seminario de Estudos Galegos no Museo de Historia Natural'

O Museo de Historia Natural da USC súmase ás celebracións polo centenario do Seminario de Estudos Galegos  (1923-2023) cunha nova exposición temporal que abre as súas portas o martes 16 de maio. A mostra 'Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias. O Seminario de Estudos Galegos no Museo de Historia Natural' afonda no legado científico destes dous destacados membros do SEG cuxas investigacións tiveron unha fonda pegada na Historia Natural de Galicia e na conformación do Museo. 

Profesor da USC entre 1922 e 1936, o xeoquímico Isidro Parda Pondal compilou ao longo dos seus traballos unha voluminosa colección petrolóxica, con rocas de Galicia e dos Alpes suízos,  que se conservan e poden ser visitadas no MHN.  Á súa vez, o entomólogo Luís Iglesias reuniu un acervo de máis de 6.000 exemplares de insectos, de enorme valor científico e histórico, que tamén está conservado no Museo. 

A exposición poderá ser visitada sen necesidade de reserva durante o horario habitual de apertura do MHN que, na tarde do martes 16, programa ademais dous itinerarios guiados e de balde para descubrir estas coleccións. Con 50 prazas dispoñibles en cada un deles, que se ocuparán por estrita orde de chegada, arrancarán ás 17.00 e 18.30 horas. 

Ademais, a entrada ao MHN será tamén gratuíta durante os días 18, 19 e 20 de maio. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2024.