Ir o contido principal

Exposición temporal

Lousa e xiz - Fernando Cobo

10.12.2024-01.06.2025 | 10.00h-14.00h

Exposición temporal "Lousa e xiz"
Exposición temporal "Lousa e xiz"

O Museo de Historia Natural da USC presenta exposición temporal Lousa e Xiz, unha homenaxe á tradición docente baseada no encerado de lousa e o uso de xices de cores. Este método, amplamente empregado nas clases de Zooloxía nas facultades de Bioloxía europeas, destacaba pola simplificación e a harmonía cromática que adquiría valor artístico máis aló do pedagóxico.

A exposición invita a reflexionar sobre o impacto da tecnoloxía na ensinanza, ao comparar os antigos encerados coas modernas ferramentas dixitais como pantallas e proxectores. A pesar de facilitar a transmisión da información, o cambio tecnolóxico pode modificar a maneira de pensar e aprender.

Os visitantes poderán contemplar 10 acrílicos sobre lenzo que reproducen a aparencia dos encerados ao rematar as clases. Estas obras mostran correccións, subliñados e as pegadas dos trapos ou feltros utilizados, destacando o coidado pola composición e a paleta cromática. Ademais, acompáñanse de modelos e murais da Colección de láminas e modelos clásticos do MHN, adquiridos nos primeiros anos do século XX en Les files d’Emile Deyrolle (París).

O autor da exposición, Fernando Cobo Gradín, é doutor en Bioloxía e catedrático da USC. A súa traxectoria artística inclúe fotografía, debuxo científico e ilustración, con influencias do tonalismo americano e a escola de Barbizón. Ademais, conta cunha destacada obra escultórica e participa activamente no grupo Galeoska (Galegos coa Arte).

A exposición estará dispoñible nas salas de exposición temporal ata maio de 2025. A entrada é gratuíta.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2024.