
Os 17 elementos que integran as terras raras comezaron a descubrirse a finais do século XVIII, aínda que foi moito tempo despois, tras a Segunda Guerra Mundial, cando se avanzou nas súas aplicacións e se convertiron en custosos metais que son tecnolóxicamente críticos para a sociedade e estratéxicos para os exércitos cun relevante papel na xeopolítica internacional. En que minerais se atopan? En que minas se explotan? Como afecta o seu subministro á industria? China fíxose co control do mercado desde comezos do actual século. Son entón un comodín nas disputas políticas internacionais?
Ricardo Prego estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Química Inorgánica. A continuación, doutorouse cunha tese sobre os balances bioxeoquímicos na ría de Vigo, desenvolvida no Instituto de Investigacións Mariñas. Actualmente, é Profesor de Investigación do CSIC nese centro, especializado en Oceanografía Química. A súa liña de investigación céntrase nos intercambios bioxeoquímicos terra-océano. Traballou nas rías galegas, fiordos chilenos e antárticos, estuarios árticos e cantábricos, lagoas subtropicais do Pacífico mexicano e tamén sobre o afloramento en Galicia. Froito da súa investigación son 183 artigos en revistas internacionais que abordan as sales nutrientes, os elementos traza e as terras raras neses contornos. Ricardo Prego figura no Ranking de 2024 da Universidade de Stanford, que inclúe o 2% dos científicos máis influentes do mundo.
Data sábado 5 de abril
Horario 11.30 horas
Idade adultos e familias
Prezo de balde, previa inscrición
Inscricións en amhnusc [at] gmail.com (amhnusc[at]gmail[dot]com)
