Fiolas e insectos
Unha das cousas que máis preocupan nos museos son os relacionados ca presenza de fungos e certos insectos. Para que as circunstancias ambientais sexan o menos favorables para as infestacións, faise seguimento dos indicadores ambientais nos que se desenvolve cada insecto (control de humidades e temperaturas). Tamén debe vixiarse calquera novo elemento que entre no museo ata ter a completa seguridade de que non é portador de ningún insecto perigoso. Quizais o máis temido dos ataques posibles é o Anthrenus museorum (Linnaeus, 1761), con só nomealo crearase unha crise de pánico entre o persoal técnico de calquera museo. Este pequeno escaravello derméstido que infesta diversos tecidos como pel, la ,seda, plumas. Se algún destes pequenos animais se filtra nun museo, pode ser un auténtico desastre xa que as súas larvas destrúen animais disecados e teñen preferencia polos exemplares de insectos.
Para evitar estas pragas nas coleccións entomolóxicas, era frecuente a utilización dunhas pequenas ampolas de vidro -como a que podemos ver na foto- chamadas fiolas, nas que se introducía unha pequena cantidade de creosota de faia, un líquido praguicida, moi usado para tratar madeiras. Os bafos desta substancia despréndense lentamente e pode repoñerse de ser necesario. As pequenas fiolas teñen diversas formas pero todas posúen no extremo unha punta a modo de alfinete que permite picalos no fondo das caixas. Este sistema con creosota, ou outras substancias como o alcanfor ou solucións fenólicas, deixou de utilizarse. Na actualidade recoméndase a conxelación controlada durante períodos non moi longos.
Para máis información: Notton, David (2018) :Identifying insect pests in museums and heritage buildings. 2ª edición. Publica: Museo de Historia Natural, Londres.