Ir o contido principal

Tres historias de Nadal

Por Xoana Pintos

Tres historias de Nadal

As castañas e o Apalpador

Cóntase no noso país que na Noiteboa e tamén na Noitevella, dende os soutos das montañas do interior de Galicia baixa, ata as aldeas e vilas, o Apalpador. Esta personaxe ven de lonxe, de tempos no que a comida escaseaba. O vello Apalpador comproba se as cativas e os cativos xantaron, apalpando as súas barrigas. Déixalles castañas para que non pasen fame, e se son bos, deixa tamén un agasallo.

Foron os romanos os que expandiron o cultivo dos castiñeiros (Castanea sativa, Mill.) para aproveitar o seu froito e madeira. En Rozabales, no concello de Manzaneda, atópase o castiñeiro de Pumbariños, o máis vello do noso país. Os datos desta árbore son abraiantes: ten máis de 1000 anos de idade, case 14 metros de diámetro e podía producir (hoxe en día xa non pode) máis de 700 quilos de castañas por colleita. O souto onde se atopa foi declarado monumento natural.

Na fotografía, prego do Herbario Merino – Castanea sativa
Na fotografía, prego do Herbario Merino – Castanea sativa

Sobre os renos de Papá Noel

Non imos entrar na velocidade que os renos deben conseguir para cumprir co seu itinerario do día 24 de decembro que, en calquera caso, debe ser moi superior á velocidade do son. Os renos (Rangifer tarandus) son cérvidos e, como tales, teñen hastas e non cornos como os bóvidos. A diferenza entre estas dúas estruturas están na súa natureza, as primeiras son de orixe dérmico e as segundas son cuernos son formacións óseas revestidas por unha vaíña córnea epidérmica. Ademais os cornos son permanentes e as hastas renóvanse cada ano. Nos renos ambos sexos teñen hastas: os machos úsanos no apareamento para pelexar con outros machos e as femias úsanos para conseguir comida e protexer ás crías. Por isto, os machos perden as súas defensas rematado o período de celo, a partires de novembro. As femias teñen unha xestación de 8 meses tras os que terán unha única cría, así que manterán as súas hastas ata primavera. Visto así, con ollos de zoólogo, concluímos que os renos que acompañan a Santa, son femias. Saudemos pois a Rodolfa e outras oito “renas“ voadoras. Voadoras??? Esa é outra historia1.

1 Un libro curioso, que pretende explicar en termos científicos estas tradicións é A física do Nadal: desde a aerodinámica dos renos ata a termodinámica do pavo, de Roger Highfield publicado por Penguin Random House.

Imaxe descritiva

Ouro, incenso e... mirra

O 6 de xaneiro, día de Reis, celébrase que tres maxestades de Oriente levaron unha serie de ofrendas ao neno: ouro, o brillante metal precioso, incenso, que arde desprendendo aromas, e a mirra. Pero que é a mirra? Que levante a man quen o saiba.

Trátase da resina desecada dunha árbore dos desertos do noroeste de África, especialmente de Etiopía e Somalia, pertencente á especie Commiphora myrrha. A resina contén variados compostos químicos con propiedades farmacolóxicas: antiinflamatorio, antiséptico, analxésico2 e antioxidante. Dende a antigüidade úsanse os aceites esenciais da mirra como parte da farmacopea desa zona do mundo. Así que o agasallo de Baltasar, que pode parecer modesto, en realidade é un desexo de “saúde”.

Coa actual pandemia, nós estamos de acordo en que é o mellor desexo para estas celebracións. Boas festas e saúde.

2 Para máis información: Shulan Su et al. (2011): Anti-inflammatory and analgesic activity of different extracts of Commiphora myrrha. En Journal of Ethnopharmacology, vol. 134, páx.251-258

Imaxe de Ouro, incenso e mirra
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2024.