O xurado da terceira edición estivo composto por Senén Barro, Reitor da USC; Xosé Manuel Villanueva, Xerente do Consorcio de Santiago; Xosé Denis, Director de programas do Consorcio de Santiago; Ángel Carracedo, Director do Instituto de Medicina Xenómica da USC e Premio Jaime I de Investigación Médica; Xosé María Fernández Pazos, Director do programa "Banda Ancha" da Radio Galega e da revista "Código Cero", Rosa María Ros Ferré, profesora da Universidade Politécnica de Cataluña e Directora do Programa Nacional "Ciencia en Acción"; Marcos Pérez Maldonado, Director Técnico da Casa das Ciencias da Coruña e polo Director do programa ConCiencia, Jorge Mira.
O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, conscientes da importancia da transferencia do coñecemento e da necesaria culturización científica da sociedade, acordaron en 2006 crear o programa ConCiencia para invitar ás principais mentes do panorama internacional a transmiti-las súas ideas a unha cidade símbolo da cultura e o coñecemento.
Ao abeiro do programa ConCiencia nace o Premio Fonseca de divulgación científica, coa fin de incentivar a transmisión deste saber ao gran público. Nese labor cómpre recoñecer o papel dos medios de comunicación que, ademais de seren o principal instrumento desa transmisión, esixen unha eficaz adecuación aos mesmos dos contidos a transmitir.
O británico Sir David Attenborough (Reino Unido, 1926), é posiblemente o naturalista e divulgador máis coñecido do mundo, cunha carreira que abrangue case 5 décadas, tralas cales se pode afirmar que é a cara e a voz máis respectada dos programas sobre natureza e historia natural (unha proba disto é que, por exemplo, hai 4 especies de animais e plantas que incorporan o seu nome: o dinosauro Attenborosaurus conybeari, o peixe fósil Materpiscis attenboroughi, o equidna Zaglossus attenboroughi e a planta filipina Nepenthes attenboroughii).
Hai poucos lugares no globo que el non visitase na súa ansia de descrición da vida no planeta. Comezou a súa carreira na BBC en 1952, dando o salto ás expedicións polo mundo adiante que o farían famoso coa serie da BBC Zoo Quest (1954-1964), na cal xa deu renda solta á súa paixón por capturar as pegadas da vida salvaxe no seu hábitat natural.
Pero sobre todo, a partir de 1979, consagrouse como a principal figura mundial na realización de programas de televisión sobre natureza. Nese ano dirixiu e presentou a serie máis ambiciosa que xamais se fixera sobre a vida animail: Life on Earth, da BBC, que foi vista por máis de 500 millóns de persoas e marcou un antes e un despois na divulgación científica na televisión.
A estas seguiron outras moitas da serie Life, da Unidade de Historia Natural da BBC, nas que se amosaba a vida natural como nunca antes se vira (con polémica incluída, ao amosar imaxes de baleas asasinas cazando leóns marinos ou chimpancés matando a monos doutras especies).
O seu labor divulgativo vese complementado con máis de 20 libros de gran éxito de vendas. Como naturalista, ten sido unha das principais figuras públicas na defensa do medio ambiente.
Á marxe desa actividade destaca polo seu importante rol directivo na televisión británica. Foi Director da BBC2 entre 1965 e 1968, período no cal propiciou o gran cambio á televisión en cor no Reino Unido.
Posteriormente ocupou o cargo de Director de Programación da BBC de 1969 a 1972. En 1973, cando o seu nome soaba con forza como Director Xeral da cadea, decidiu abandonar os labores directivos e voltar á súa faceta de creador de documentais e escritor.
Ao longo da súa carreira recibiu os máis altos recoñecementos, entre os que se atopa o Premio Descartes de comunicación da ciencia da Unión Europea (foi o primeiro gañador) e o Premio Príncipe de Asturias 2009 de Ciencias Sociais.